A partir do luns 15 de xuño, os maiores de 30 anos residentes no termo municipal poderán adquirir un bono a prezo reducido de 50 euros.
O Concello de Portas pon en marcha un ano máis o programa “Portas Xove”, que permitirá ás persoas empadroadas no municipio, con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, asistir gratuitamente os tres días do Festival PortAmérica de xeito gratuíto. As persoas beneficiarias recibirán un correo electrónico coa información necesaria para xestionar o seu acceso.
Por outra banda, o alcalde Ricardo Martínez negociou coa organización do evento que tamén as persoas maiores de 30 anos empadroadas en Portas podan ter un acceso máis doado ao festival. Así, poderán adquirir o seu abono a un prezo reducido de 50 euros a partir deste luns 15 de xuño.
Para beneficiarse destas tarifas especiais, será necesario solicitar un código personalizado nas oficinas do Concello, presentando o DNI, e empregalo na plataforma oficial de venda de entradas do festival. As entradas serán nominativas e intransferibles, co fin de garantir unha distribución equitativa e evitar usos indebidos.
PORTAMÉRICA INCORPORA INTÉRPRETES DE LINGUA DE SIGNOS
Por outra banda, PortAmérica dará un novo paso no seu compromiso coa accesibilidade universal nesta edición coa incorporación de intérpretes de lingua de signos española (LSE) en varios dos concertos máis destacados do festival. As actuacións de Rigoberta Bandini, Fillas Cassandra, Marina Reche, Hombres G, Eliades Ochoa, M-Clan, Dani Martín e Xoel López contarán con interpretación en directo para facilitar o acceso das persoas xordas signantes á experiencia musical.
Esta iniciativa súmase a outras medidas xa consolidadas, como o uso de mochilas vibratorias e sistemas FM para persoas con implantes cocleares ou audífonos, así como rutas adaptadas, plataformas accesibles, aseos adaptados e sinalización específica para persoas con diversidade funcional.
Entre as novidades deste ano destaca tamén a implantación de sinalización NaviLens para persoas con discapacidade visual e a ampliación dos recursos de apoio para persoas con trastorno do espectro autista mediante pictogramas desenvolvidos en colaboración coa Fundación Menela.
O festival manterá ademais o seu Espazo Sensorialmente Amable, zonas familiares e de lactación, así como iniciativas para favorecer a participación da veciñanza de Portas, consolidando a súa aposta por un evento máis inclusivo, diverso e accesible para todas as persoas.

