O centro de atención diúrna que COGAMI ten en Monte Porreiro, Pontevedra, presenta a obra de teatro “Se o sei, non veño” que se realizará o venres 3 de xullo, ás 11:30 horas, no Centro Cultura de Monte Porreiro, situado na rúa Alemaña, nº50.
Esta iniciativa cultural é o resultado do intenso traballo e dedicación das persoas participantes do centro de atención diúrna para persoas con discapacidade física. Durante meses, mergulláronse no mundo do teatro, na compaña e dirección do voluntario José Manuel Lareu, quen achega unha ampla experiencia no eido escénico.
A xornada promete ser un espazo de risas e bo humor, non só coa actuación teatral, senón tamén coa colaboración de Carlos Cerviño e a participación especial do Grupo de Cantos Populares de Taberna Maiores de Pontevedra de Enrique, que amenizará o evento coa súa música. Trátase dunha proposta lúdica e de interese para todo o público asistente, deseñada para gozar e compartir en comunidade.
Ademais do carácter festivo, a representación teatral ten como propósito fundamental sensibilizar sobre as diversas capacidades das persoas e promover unha imaxe normalizadora da discapacidade. O centro de atención diúrna de COGAMI en Monte Porreiro busca visibilizar o potencial e o talento de cada individuo, rachando con estereotipos e fomentando unha inclusión real e efectiva.
A estrea desta obra supón unha oportunidade única para apoiar o talento local e sumarse a unha iniciativa que contribúe a construír unha sociedade máis inclusiva. Dende o centro convidan a toda a veciñanza pontevedresa para que asistan a ver esta interpretación que, de seguro, non os deixará indiferentes.

