A aparición dunha segunda persoa falecida nun mes nas inmediacións do CHUS evidencia a necesidade de reforzar a prevención, a atención sanitaria e a intervención comunitaria.
Marta Abal insta á Xunta de Rueda e ao Concello de Sanmartín a colaborar desde as súas competencias para afrontar un problema que consideran de saúde pública, social e de seguridade.
A concelleira socialista Marta Abal reclamou hoxe unha resposta urxente da Xunta e do Concello ante os problemas relacionados co consumo de drogas que preocupan á veciñanza de Santa Marta e advertiu da falta dunha estratexia coordinada para afrontar unha situación que require actuar con máis prevención, máis recursos asistenciais e maior presenza nos barrios. A edil considera que as administracións están chegando tarde a un problema que esixe unha resposta integral e sostida no tempo.
Abal sinalou que a preocupación existente no barrio é compartida polo Grupo Socialista e defendeu a necesidade de adoptar medidas inmediatas para “reforzar a vixilancia”, “actuar contra os puntos de venda de estupefacientes” e “garantir a seguridade” na contorna do CHUS.
Con todo, a concelleira socialista advertiu de que “este problema non se resolve só con máis presenza policial”. Ao seu xuízo, estamos ante unha “cuestión de saúde pública, social e comunitaria” que require unha resposta “integral, coordinada e sostida no tempo” por parte das distintas administracións.
Neste sentido, reclamou á Xunta de Galicia e ao SERGAS unha maior implicación na atención ás persoas con adiccións, reforzando os recursos existentes e “dotando de máis medios e recursos a Unidade Asistencial de Drogodependencias”, co obxectivo de ofrecer unha resposta adecuada ás necesidades asistenciais.
Ao mesmo tempo, Abal lembrou que o Concello tamén debe asumir plenamente as súas responsabilidades neste ámbito. Así, pediu reforzar o traballo na “prevención”, nas campañas de sensibilización, na intervención comunitaria e no acompañamento á mocidade e ás persoas máis vulnerables.
Por último, a edil socialista defendeu a posta en marcha dun “verdadeiro plan de prevención e atención ás drogodependencias” para Santiago que combine actuacións en materia de seguridade, prevención, asistencia sanitaria e acompañamento social. “A seguridade é importante”, concluíu, pero lembrou que “a prevención, a atención e a coordinación institucional son fundamentais” para afrontar este problema de raíz.

