Redacción

A GUARDA PON O BROCHE DE OURO Á PROGRAMACIÓN DA VII A GUARDA DIVERSA COA PROXECCIÓN DE “MASPALOMAS”

  • A cita terá lugar o 1 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural de A Guarda

A Guarda, 23 de xuño de 2026 –  O Concello da Guarda conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha proposta cultural e de sensibilización que pon o foco na diversidade, na liberdade e no respecto como piares fundamentais da convivencia.

Nesta ocasión, a programación da A Guarda Diversa pecha a súa séptima edición cunha proxección que reflexiona arredor da realidade das persoas LGTBIQ+ e da importancia de construír espazos seguros e inclusivos para todas as idades.

O público poderá desfrutar de Maspalomas, unha das películas españolas máis destacadas da tempada, que aborda con sensibilidade temas como a liberdade persoal, o envellecemento e o dereito a vivir a propia identidade sen medo nin ocultación.

Dirixida por Aitor Arregi e José Mari Goenaga, a cinta conta cun amplo recoñecemento nacional e internacional, incluíndo premios e nomeamentos nos Goya, nos Feroz e no Festival de San Sebastián, onde foi distinguida a interpretación de José Ramón Soroiz.

A actividade terá lugar o 1 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

Esta proxección supón o broche final a unha edición que tivo como eixo principal a educación e a sensibilización entre a mocidade da vila a través dos obradoiros “Rachando cos marcos: educación para a diversidade”, desenvolvidos nos centros educativos guardeses durante os meses de maio e xuño.

A iniciativa estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO e permitiu traballar aspectos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero, fomentando a reflexión crítica sobre os estereotipos e prexuízos, así como a creación de espazos seguros, respectuosos e inclusivos nas aulas.        

Os obradoiros celebráronse no IES A Sangriña, no colexio PP Somascos e no colexio Carmelitas, contando cunha importante participación do alumnado e contribuíndo a promover valores de igualdade, respecto e convivencia.

Comparte este artigo