– A Xunta de Goberno licitou por case 260.000€ as obras de renovación do firme da estrada LU-P-2804, que comunica os lugares de Pedrón e Cazolga, en Lourenzá
-“Trátase dunha vía estratéxica para a mobilidade no municipio, que conecta o núcleo urbano de Lourenzá e a N-634 co barrio de Cazolga, un lugar de gran valor natural, patrimonial e turístico para Lourenzá”, valorou a Voceira Socialista do Goberno
-Aprobado tamén un convenio co Concello de Pedrafita por 137.000€, destinado a mellorar a eficiencia enerxética do centro de saúde, a acústica da nave de usos múltiples, e a reforzar a imaxe con letras identificativas nas entradas á localidade
-Ademais saíu adiante a licitación das obras, por un importe de preto de 280.000€, para a instalación de grupos electróxenos nas nove residencias que ten a Deputación nos concellos de Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por un orzamento conxunto de preto de 700.000€ para seguir mellorando a mobilidade, os servizos públicos e en consecuencia a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal que tivo lugar pola mañá no Pazo de San Marcos. “Seguimos avanzando cun compromiso firme na mellora da mobilidade na provincia e na cooperación cos concellos para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas da provincia”.
A Voceira Socialista do Goberno explicou que no que respecta á mobilidade a Xunta de Goberno aprobou licitar por case 260.000€ as obras de renovación do firme da estrada LU-P-2804, que é a vía que comunica os lugares de Pedrón e Cazolga, no Concello de Lourenzá. “Trátase dunha vía estratéxica para a mobilidade no municipio, moi empregada pola veciñanza xa que conecta o núcleo urbano de Lourenzá e a N-634 co barrio de Cazolga”, valorou Pilar García Porto, quen engadiu que “esta zona é coñecida pola súa ponte histórica sobre o río Masma e pola súa área recreativa, que converten este espazo nun lugar de gran valor natural, patrimonial e turístico para Lourenzá”.
As obras afectarán a algo máis de catro quilómetros desde o inicio da estrada, e terán un prazo de execución de 4 meses. Consistirán na reapertura de cunetas, a mellora da drenaxe e do firme e a reposición da sinalización vertical.
“Unha semana máis seguimos aprobando investimentos para manter nas mellores condicións de seguridade a nosa rede viaria provincial. Un esforzo inversor prioritario e clave para a cohesión territorial nunha provincia que conta, como sabedes con máis de 4.000 quilómetros, de rede de estradas provincias, sendo a máis extensa das Deputacións de toda España”, subliñou García Porto.
Colaboración con Pedrafita do Cebreiro
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres unha colaboración co Concello de Pedrafita do Cebreiro por un importe de 137.000 euros para mellorar infraestruturas e equipamentos municipais.
A principal actuación, cun investimento de 95.695 euros, permitirá renovar a cuberta do centro de saúde para mellorar a súa eficiencia enerxética. Ademais, destínanse 17.987 euros ao acondicionamento acústico da nave de usos múltiples, “un espazo clave para o Mercado Gandeiro e outras actividades económicas e sociais do municipio”, sinalou García Porto.
O convenio complétase cunha achega de 23.318 euros para instalar dous conxuntos de letras identificativas co nome de Pedrafita do Cebreiro nas rotondas de acceso á vila, unha actuación que contribuirá a reforzar a identidade visual do municipio e a poñer en valor este enclave, porta de entrada a Galicia e referente do Camiño de Santiago.
Licitadas obras para melloras nas residencias
Ademais, esta mañá saíu adiante a licitación das obras para instalar grupos electróxenos nos nove centros de atención ás persoas maiores da Deputación de Lugo, cun investimento de 278.951 euros.
A actuación desenvolverase nas residencias provinciais situadas nos concellos de Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro, co obxectivo de reforzar a seguridade das instalacións e garantir a continuidade dos servizos básicos ante posibles incidencias no subministro eléctrico.
Con esta actuación, a Deputación continúa avanzando na modernización dos seus centros asistenciais, mellorando os equipamentos e reforzando a calidade da atención que reciben as persoas maiores usuarias destes servizos provinciais.

