Barreiros recibe o programa da Deputación e do Colexio de Xornalistas para combater a desinformación

Redacción

– Esta iniciativa gratuíta está dirixida a público adulto e desenvolverase o próximo martes, 30 de xuño, no Centro Sociocultural de San Cosme ás 11 da mañá da man da xornalista Carmen Quintela

A Deputación de Lugo continúa desenvolvendo o programa de obradoiros gratuítos contra a desinformación que impulsa en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A próxima cita celebrarase o martes 30 de xuño, ás 11:00 horas, no Centro Sociocultural de San Cosme, en Barreiros.

Esta iniciativa forma parte dun ciclo de 20 obradoiros que percorrerán 19 concellos da provincia ao longo do ano co obxectivo de achegar á cidadanía ferramentas prácticas para identificar noticias falsas, contrastar información e facer un consumo máis crítico, responsable e seguro dos contidos que recibe a diario.

A Presidenta da Deputación, Carmela López, destaca programa que “estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”. Por iso, subliñs a importancia de promover iniciativas que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade no actual contexto dixital e reivindicou o valor do xornalismo profesional. “Detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”, lembrou.

O obradoiro de Barreiros será impartido pola xornalista Carmen Quintela e ofrecerá recursos sinxelos e útiles para detectar bulos, verificar informacións e evitar a difusión involuntaria de contidos falsos, unha formación especialmente pensada para o día a día de calquera persoa.

A participación é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. A Deputación de Lugo anima á veciñanza de Barreiros e da contorna a participar nesta actividade, que reforza o compromiso da institución provincial coa alfabetización mediática, o pensamento crítico e unha cidadanía mellor informada.

Comparte este artigo