Arrancan na Mariña as xornadas divulgativas da Deputación para preparar á veciñanza ante a eclipse solar

Redacción

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz deu a benvida esta mañá aos asistentes á conferencia celebrada no edificio CENIMA, a primeira das dez xornadas que forman parte da campaña informativa impulsada pola institución para achegar á cidadanía información sobre a eclipse e a súa observación segura

A Deputación de Lugo iniciou este luns en Foz o ciclo de xornadas divulgativas sobre a eclipse solar que percorrerá dez concellos da provincia co obxectivo de achegar á cidadanía información práctica e rigorosa para desfrutar deste fenómeno astronómico dun xeito seguro.

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, deu a benvida as persoas asistentes á conferencia celebrada no edificio CENIMA, impartida neste caso pola Astrofísica astrofísica María Fernández. Pola tarde, ás 19:30 horas, a especialista ofrecerá unha segunda charla na Sala Multiusos de Viveiro.

Cajoto Caserío destacou a importancia desta iniciativa para achegar a divulgación científica a toda a provincia e preparar á veciñanza ante un acontecemento astronómico excepcional. “Queremos que todas as persoas interesadas dispoñan da información necesaria para comprender este fenómeno e poidan observalo con total seguridade”, sinalou.

Este ciclo forma parte da campaña informativa impulsada pola Deputación de Lugo para preparar a provincia de cara á eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A iniciativa arrancou o pasado mes de maio cunha conferencia inaugural no Pazo de San Marcos, impartida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, e continúa agora cun percorrido por diferentes municipios para facilitar o acceso ao coñecemento científico e resolver as principais dúbidas sobre este acontecemento.

Tras o paso por Foz e Viveiro, as xornadas chegarán mañá 30 de xuño a Vilalba, ás 11:00 horas na Casa da Cultura (67 prazas), e a Meira, ás 19:00 horas na Casa da Cultura (170 prazas).

O 1 de xullo será a quenda da Fonsagrada, ás 11:00 horas no Salón de Actos municipal de Os Chaos (160 prazas), e de Cervantes, ás 19:00 horas no Salón Multiusos Casa da Catoira (60 prazas).

O 2 de xullo as conferencias celebraranse en Antas de Ulla, ás 12:00 horas na Casa da Cultura (200 prazas), e en Monforte de Lemos, ás 20:15 horas na Casa da Cultura Lois Pereiro (158 prazas).

O ciclo concluirá o 3 de xullo con sesións en Quiroga, ás 11:00 horas na Casa da Cultura (159 prazas), e en Sarria, ás 19:30 horas na Casa da Cultura (126 prazas).

Todas as conferencias son gratuítas e de acceso libre ata completar o aforo. Ao remate de cada sesión, as persoas asistentes recibirán lentes homologadas para a observación da eclipse e un díptico informativo con datos sobre os horarios previstos, os mellores puntos de observación e as recomendacións necesarias para protexer a vista.

Reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos

Esta campaña compleméntase coa distribución de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos entre os concellos da provincia, en función da súa poboación, para facilitar que o maior número posible de veciños e veciñas dispoña do material necesario para contemplar a eclipse do 12 de agosto con todas as garantías.

Os dípticos inclúen información práctica sobre o desenvolvemento da eclipse, os horarios previstos, recomendacións para unha observación segura e un código QR que dá acceso á páxina web https://eclipse.deputacionlugo.org/, habilitada pola Deputación, onde a cidadanía pode consultar toda a información actualizada sobre a eclipse, así como recursos divulgativos e consellos para seguir este fenómeno con seguridade.

Comparte este artigo