A Deputación inicia a construción da nova ponte sobre o río Azúmara para eliminar un dos puntos máis problemáticos no cinto comarcal

Redacción

– Esta estrada, a LU-P-1611, queda cortada ao tráfico, que se desvía entre Mosteiro e Castroverde pola LU-P-1204 para facilitar os traballos cun orzamento de 650.000€  que permitirán ampliar o ancho da infraestrutura dos 5 aos 11 metros

– “Esta actuación suporá unha mellora moi importante da circulación nese punto, porque se ampliará o ancho da vía e os condutores terán unha plataforma cunhas capacidades moi melloradas nunha estrada cun alto volume de tráfico”, valorou a Presidenta

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de construción da ponte sobre o río Azúmara no cinto comarcal, a LU-P-1611, cun investimento de 650.000€. A estrada provincial queda pechada ao tráfico –agás para residentes-, que se desvía entre Mosteiro e Castroverde pola estrada provincial LU-P-1204 co obxectivo de facilitar a execución dos traballos.

“Esta actuación suporá unha mellora moi importante da circulación nese punto, porque se ampliará o ancho da vía e os condutores terán unha plataforma cunhas capacidades moi melloradas nunha estrada cun alto volume de tráfico”, valorou a Presidenta da institución provincial, Carmela López. A mandataria aproveitou para poñer en valor o esforzo da Deputación por manter e conservar esta estrada de 131 quilómetros de lonxitude e, neste caso concreto, “eliminar un dos seus puntos máis problemáticos”.

Nese sentido, o actual paso sobre o río Azúmara constitúe un dos puntos máis estreitos e complexos da LU-P-1611, cunha plataforma reducida que dificulta o cruce de vehículos e condiciona a seguridade da circulación.

A actuación que se está a facer afecta a un tramo de algo máis dun quilómetro entre os puntos 106,5 e 107,8 ao seu paso por Castroverde e ten un prazo de execución de 9 meses. Os traballos consisten na demolición da antiga ponte, preparación do terreo e construción da nova plataforma que será 6 metros máis ancha que a actual, ata acadar os 11 metros, e se reporá a sinalización. Ademais levaranse a cabo unha serie de medidas ambientais unha vez finalizadas as obras, como sementar os taludes para que recuperen a súa cuberta vexetal e plantarase arborado.

Cinco millóns de euros en melloras nos últimos anos

O cinto comarcal é unha estrada fundamental para as comunicacións do territorio lucense, porque conecta de forma directa 11 concellos da provincia e enlaza con vías autonómicas e nacionais como a A-6, a A-54 e a N-540. Desde o ano 2020, a Deputación ten mellorado máis de 42 quilómetros, preto do 36% desta vía cun investimento de practicamente cinco millóns de euros.

Comparte este artigo