O Concello captou fondos da Xunta a través das subvención para mercados excelentes para renovar os uniformes de praceiros e praceiras cunha imaxe moderna e fresca
Cores diferentes, uniformes novos e unha praza de abastos que segue a coidar cada detalle. O Mercado de Tomiño estrea esta tempada un novo vestiario de verán para os seus praceiros e praceiras, unha renovación para a que o Concello captou fondos a través dunha subvención para mercados excelentes da Xunta de Galicia.
A iniciativa forma parte da estratexia de renovación e modernización continua do espazo, cunha imaxe que busca visibilizar o traballo das persoas que día a día atenden o mercado e reforzar o atractivo do propio espazo de cara á clientela. A estrea destes uniformes non é unha cuestión estética, senón unha forma de transmitir profesionalidade, coidado e modernidade nun espazo que segue a ser un referente do comercio local.
Esta actuación completarase con outras accións que conforman a estratexia global de modernización do mercado, entre elas a ampla programación de ocio que se desenvolverá ao longo de todo o ano, con campañas como o Menú no Mercado, pensado para dar a coñecer o produto local vendido polos praceiros, os Sábados con Sabor, que combinan gastronomía e música en directo, e o xa tradicional Mercado de Outono. A isto súmanse ademais accións formativas dirixidas á posta ao día dos praceiros e praceiras, garantindo que o coñecemento e as habilidades do persoal evolucionen ao mesmo ritmo que o propio espazo.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou a capacidade do Concello para captar recursos para continuar renovando ano a ano o Mercado de Tomiño, que “é moito máis que un lugar onde mercar. É un espazo de encontro, de tradición e de comercio local que queremos seguir coidando en todos os seus detalles, desde os uniformes ata a programación que o enche de vida ao longo do ano”.
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Cristina Martínez, destacou o sentido desta renovación. “Os nosos praceiros e praceiras son a cara visible do mercado, e merecen contar coas mellores condicións para desenvolver o seu traballo. Ademais, esta actuación enmárcase nunha estratexia moito máis ampla de modernización para facer da nosa praza de abastos un mercado vivo, atractivo e á altura das expectativas da veciñanza e de quen nos visita desde fóra”, recalcou.

