O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá o edificio xunto a un grupo de fiscais
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañaron hoxe á fiscal xefe da Área de Vigo, Susana García Baquero e a un grupo de fiscais, para amosarlle os avances nas obras da Cidade da Xustiza, ao igual que hai unhas semanas presentaron ao xuíz decano de Vigo, Germán Serrano e a unha representación de xuíces, así como a letrados da Administración de Xustiza.
Juan José Martín explicou que os traballos de rehabilitación do antigo Hospital Xeral avanzan segundo o previsto e lembrou que o Goberno galego xa licitou por 1 millón de euros o subministro de mobiliario para este ano co que dotar a 58 órganos xudiciais da comunidade, entre eles a Cidade da Xustiza de Vigo, do equipamento necesario para levar a cabo a súa actividade en función das súas necesidades.
Unha vez rematadas as obras de rehabilitación do antigo Hospital Xeral, a Xunta culminará o seu Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 115 millóns de euros, coa obra xudicial máis importante na historia da comunidade, que supuxo un investimento de 42 millóns de euros, case o 40% do orzamento total do Plan.
A través deste Plan, o Goberno galego renovou as instalacións existentes e puxo en marcha outras novas prevendo ademais as necesidades estruturais da planta xudicial galega. De feito, a Cidade da Xustiza de Vigo acollerá nos seus 44.000 metros cadrados 36 unidades xudiciais que se trasladarán ao longo deste ano e terá espazo para outras 21 en caso de futuras ampliacións. O novo edificio acollerá ademais a Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
Así, trasladaranse tamén os máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza que desenvolven a súa actividade nos dous edificios xudiciais actuais. Para facilitar a conciliación laboral e familiar terán á súa disposición unha gardería de 42 prazas.
A Cidade da Xustiza contará cunhas instalacións modernas con dependencias independentes para o xulgado de garda e o xulgado de violencia sobre a Muller e unha sala de autopsias co máximo nivel de bioseguridade BSL-3 no espazo que ocupará o Imelga. O edificio disporá tamén de amplas instalacións para os colexios de avogados, procuradores e graduados sociais e varias salas de videoconferencia nas oficinas do decanato, a maiores dos sistemas instalados nas 31 salas de vistas para realizar as comparecencias.



