• Os populares comprométense a mellorar o mantemento dos espazos públicos e reforzar a seguridade cidadá
• Os afiliados do barrio reclaman actuacións urxentes en parques infantís, a senda do Gafeños e a contorna de San José
O Partido Popular de Pontevedra iniciou este xoves un calendario de pequenas reunións cos afiliados de cada barrio co obxectivo de escoitar as súas demandas e recoller as solicitudes que trasladan tanto sobre a cidade como sobre o funcionamento do partido.
A primeira destas reunións estivo centrada en Campolongo e contou coa participación da secretaria xeral do PP de Pontevedra, Pepa Pardo, o presidente de Novas Xeracións da formación, Guille Juncal, e as concelleiras Silvia Junco e Silvia Crespo.
Pardo afirmou que, para o PP de Pontevedra, “os nosos afiliados son esenciais e por iso entendemos que é fundamental darlles voz, como viñemos facendo ao longo dos mandatos. Agora cremos que é especialmente importante facelo a través de pequenos grupos organizados por rúas, nos que escoitamos as súas principais demandas e necesidades, non só a nivel do Concello, senón tamén as súas propostas sobre o funcionamento do partido”.
Durante o encontro, os afiliados trasladaron distintas cuestións que consideran prioritarias para mellorar o seu barrio, entre elas a necesidade de reforzar o mantemento dos parques infantís.
A secretaria xeral da formación referiuse en concreto ao parque infantil de Campolongo que “require un mantemento continuo e diario. Estamos ante un Goberno de Lores que, cando executa obras, acostuma deixalas no esquecemento”.
Outra das cuestións abordadas foi o estado da senda do Gafeños, cuxo tramo comprendido entre o centro da cidade e a contorna urbana da estación de tren, presenta unha importante deterioración. Esta mesma semana, os concelleiros do PP percorreron este itinerario para comprobar o estado de varios elementos do paseo, tal e como denunciaron hoxe os propios afiliados.
“Puidemos comprobar de primeira man, percorrendo todo o traxecto, que hai numerosas táboas de madeira rotas, co perigo que iso supón para a cidadanía e que deben ser reparadas canto antes. Se existise un mantemento adecuado, isto non sucedería”, recalcou.
Os asistentes á reunión tamén reclamaron melloras no acceso á zona da igrexa de San José, que consideran intransitable desde hai tempo, así como unha maior atención aos problemas de convivencia existentes no barrio.
Para rematar, Pardo insistiu na importancia de manter un contacto permanente coa militancia para fiscalizar a xestión do Gobierno local: “Escoitar aos veciños non só é o noso deber, senón que o facemos con moitísimo gusto, porque para iso estamos, para servir aos pontevedreses. Temos un Concello sen proxecto, un Concello do BNG que non escoita aos seus veciños nin os recibe, mentres que nós nos reunimos con todo o mundo que nolo pida. Neste caso foron os nosos afiliados. A súa voz é fundamental e queremos transmitir o que eles nos din”, concluíu.

