ARBO PRESENTA A PROGRAMACIÓN DO “VERÁN CULTURAL 2026”: MÚSICA, GASTRONOMÍA, OCIO E DEPORTE PARA TOD@S
· Arbo presenta un completo programa de “Verán Cultural 2026” con máis de dous meses de música, gastronomía e actividades para todas as idades
- Concello aposta por unha axenda estival que pon en valor o patrimonio, a cultura e a convivencia entre veciños e visitantes.
Arbo, 1 de xullo de 2026. – O Concello de Arbo vén de presentar o seu ambicioso programa para o Verán Cultural 2026, unha axenda repleta de propostas que abranguen desde actividades deportivas e espectáculos infantís ata citas gastronómicas de referencia e grandes concertos. A programación, que se estende durante os meses de xullo, agosto e principios de setembro, ten como obxectivo dinamizar a vida social do municipio e ofrecer alternativas de ocio de calidade para todos os públicos.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo facer un chamamento especial á participación cidadá: “Desde o goberno local deseñamos un programa pensado para todos. Queremos que este verán sexa unha oportunidade para reencontrarnos, para disfrutar das nosas tradicións e da nosa hospitalidade. Convido a todos os veciños de Arbo e a todas as persoas que nos visitan nestas datas a sumarse a cada unha das actividades que preparamos con tanto agarimo. Arbo ten moito que oferecer e este verán é o mellor momento para descubrilo”.
Actividades Permanentes
O programa conta con eventos fixos durante todo o verán, como as visitas guiadas gratuítas ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Arabo”, e os campamentos de verán e deportivos para os máis novos. A piscina municipal tamén xoga un papel fundamental, cun horario de luns a domingo de 15:30 a 21:00 h. Ademais, a oferta complétase co deporte de aventura no río Miño, a través das empresas especializadas locais, e o desfrute da natureza mediante os sendeiros do municipio.
Fitos destacados da programación
- XXIX Festa da Lamprea Seca (7, 8 e 9 de agosto): A gran cita gastronómica do verán, que incluirá degustacións de viños D.O. Rías Baixas, feira de artesanía, andaina popular e concertos de grupos como “Eh Sabina”, “Xisco Feijóo” e “Malvela”, ademais do “III Festival Lamprey’Music”.
- Festas de San Roque (16 de agosto): Xornada tradicional marcada pola música das bandas, a misa solemne e o xantar campestre.
- Cultura e Lecer: Inclúe o “III Encontro de Corais Vila de Arbo” (18 de xullo), o “XXII Festival Folclórico Internacional” (25 de xullo), cine na rúa e numerosas actividades infantís na biblioteca municipal.
- Deporte: Torneos de fútbol sala, o II Torneo de Veteranos e a popular “Festa da Bicicleta”.
Pola súa banda, as comisións de festas xogan un papel fundamental, organizando as festas patronais en todas as parroquias durante todo o período estival.
Información de interese
O Concello de Arbo lembra que para participar en actividades como a Andaina ou a Festa da Bicicleta é necesaria a inscrición previa, a través do propio Concello ou do correo electrónico: vicentacerdeira@hotmail.es.
Toda a información detallada e as posibles actualizacións da axenda poden consultarse nas redes sociais oficiais do Concello de Arbo.

