Arbo rinde homenaxe ao amor: o concello abre o prazo para inscribirse as Vodas de Ouro

Redacción

  • As parellas que cumpran 50 anos de casados entre agosto de 2025 e agosto de 2026 poden inscribirse ata o 24 de xullo.
  • O acto central terá lugar o próximo 2 de agosto na Praza do Concello.

O Concello de Arbo prepara un dos seus eventos máis emotivos e esperados do verán. Como vén sendo tradición dende hai máis de dúas décadas, a vila volve render homenaxe ao amor duradeiro coa celebración das Vodas de Ouro, un recoñecemento especial para todas aquelas parellas que comparten unha vida en común e que este ano conmemoran o seu 50 aniversario de voda.

O evento, que terá lugar o próximo 2 de agosto na Praza do Concello, busca poñer en valor que o amor é un sentimento que perdura e se fortalece co paso do tempo grazas á comprensión, a devoción e o afecto mutuo.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo facer un chamamento a todas as parellas do municipio para que formen parte desta xornada tan especial:“Para o noso municipio é un orgullo celebrar a traxectoria vital dos nosos veciños e veciñas. As Vodas de Ouro non son só un aniversario, son un exemplo de compromiso e fidelidade para as xeracións máis novas. Invito a todas as parellas que cumpran esta marabillosa cifra a que se animen a participar. Queremos que sexa un día inesquecible, rodeados do cariño de toda Arbo, das súas familias e dos seus achegados”, sinalou o rexedor.

A cerimonia contará coa actuación de “TROBEIROS DA PONTE”, na Praza do Concello, que ofrecerán un repertorio especial para os homenaxeados. Tras o acto institucional, as parellas recibirán un ramo de flores e o escudo da vila como agasallo conmemorativo. O broche de ouro da xornada chegará da man da banda de música, que interpretará un pasodoble para que os protagonistas poidan disfrutar dun baile final.

O Concello de Arbo mantén aberto o prazo de inscrición ata o 24 de xullo. Poden anotarse:

  • Todas as parellas que cumpran ou cumpriran os 50 anos de casados no período comprendido entre o 2 de agosto de 2025 e o 2 de agosto de 2026.
  • Aqueles matrimonios que, cumprindo os requisitos, non puideran participar en edicións anteriores.

As inscricións deberán formalizarse directamente nas dependencias do Concello de Arbo dentro do prazo establecido. Desde a administración local agárdase unha alta participación nesta cita que, un ano máis, converterá a Arbo no epicentro da celebración do amor e a convivencia.

Comparte este artigo