- O peirao da vila acollerá a II Bandeira de Pescadoira e a XXXI Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras
A vila de Bueu vivirá esta fin de semana unhas xornadas ateigadas de remo, coa celebración de dúas regatas: a II Bandeira Praia de Pescadoira e a XXXI Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras.
Este xoves tivo lugar a rolda de prensa, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Alberto Chapela e Rosario Freire, da directiva do Club do Mar Bueu Simei.
O sábado 11 arrancará a xornada coa II Bandeira de Pescadoira ás 17 horas dende o peirao. Esta proba, que forma parte do calendario da Liga B, disputarase entre os clubs CR Rianxo, CR Puebla, CR. Salgado – Perillo, CR Cabo da Cruz B, CRN Riveira, Club do Mar Bueu Simei B e CR Chapela – Wofco B.
A continuación comezará xa a XXXI Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras, que forma parte da Liga A e que culminará o domingo pola mañá. Concretamente, competirán os clubs CR Cabo da Cruz, SD Samertolameu – Oversea, SD Tirán – Pereira, CR Meco, Club do Mar Bueu Simei, CM Mugardos, CR Narón, A Cabana Ferrol, CCD Cesantes – Rodavigo e CM Castropol. Esta proba desenvolverase o sábado ás 17.30 e o domingo ás 12 horas, entregándose a bandeira ao gañador ao remate.
As probas sairán dende o peirao e decorrerán ata as praias de Agrelo – Portomaior. Polo que respecta a regata de Liga A, o sábado será a dúas tandas de 5 barcos cada unha e segundo a clasificación da Liga, co cal Bueu remará na segunda tanda. O domingo haberá 3 tandas de 3+3+4 barcos, segundo a clasificación da regata do sábado. E na da Liga B, será a dúas tandas lanzadas de 3 e 4 barcos respectivamente, indo Bueu na primeira tanda con Riveira e Chapela B.
Ámbalas dúas probas serán televisadas pola TVG 2 o domingo.

