- O municipio arbense acollerá unha variada oferta que inclúe cinema, música, deporte e folclore durante o mes de xullo.
- O alcalde, Horacio Gil, subliña a importancia destas iniciativas para dinamizar o concello e ofrecer alternativas de ocio á veciñanza e aos visitantes.
O Concello de Arbo xa ten todo preparado para celebrar o seu intenso programa de actividades deseñado para dinamizar a vida social da vila durante esta segunda metade de xullo. A proposta combina cultura, música coral, espectáculos infantís, deporte de alto nivel e tradicións folclóricas, consolidándose como unha cita imprescindible na axenda estival da comarca.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou a ilusión con que se preparou esta edición: “Dende o goberno local apostamos un ano máis por un programa variado, inclusivo e pensado para todas as idades. Queremos que Arbo sexa un punto de encontro durante este verán, ofrecendo alternativas de calidade que promovan o noso comercio, a nosa cultura e o deporte. Agardamos que tanto os nosos veciños como as persoas que nos visitan nestas datas gocen dunhas xornadas inesquecibles”.
Programación Cultural e Deportiva
A axenda comezará este fin de semana co III Encontro de Corais “Vila de Arbo”, que terá lugar o sábado 18 de xullo ás 20:00h no Auditorio do Centro Multiusos, coa participación da Coral Polifónica de Arbo, a Coral de Belesar e o Orfeón de Trives. O domingo 19, a música seguirá a partir das 11:00h na Feira de Sela coa actuación da “Charanga Noroeste”.
A programación continuará a semana seguinte, arrincando o mércores 22 de xullo cunha proposta para os máis pequenos na Biblioteca Municipal: ás 11:30h terá lugar o espectáculo “Como montar a túa banda de verán”. O xoves 23, ás 23:00h, chegará o “Cine na rúa” na Praza do Concello coa proxección da película “El Casoplón”. O venres 24 de xullo, ás 23:00h, a Banda de Música de Arbo ofrecerá un concerto na Praza do Concello e, paralelamente, o Pavillón Municipal de Deportes acollerá o inicio do histórico XXXI Torneo de Fútbol Sala “Vila de Arbo”, que se desenvolverá ata o domingo 26. O sábado 25, a xornada comezará ás 19:00h cun “Inchable acuático” no Torreiro de Festas de Cabeiras e, pola noite, ás 21:00h, a Praza do Concello será o escenario do XXII Festival Folclórico Internacional de Arbo. Finalmente, o domingo 26 de xullo, o peche do Torneo de Fútbol Sala “Vila de Arbo” terá lugar no Pavillón Municipal, onde se disputarán as semifinais e a gran final.
Xunto a esta programación, o Concello recorda que a piscina municipal permanece aberta durante toda a tempada estival de luns a domingo, en horario de 15:30h a 21:00h. As instalacións ofrecen prezos populares e contan con bonificacións especiais destinadas ás familias numerosas e aos maiores de 65 anos, facilitando así o acceso ao ocio e ao deporte para todos os colectivos.
O Concello de Arbo convida a toda a cidadanía a participar activamente en cada unha destas propostas, reforzando así o espírito de comunidade e a vitalidade cultural do municipio.

