Continúa a Caravana Municipal con parada en Pontellas este xoves

Redacción
  • A vindeira semana rematará esta etapa con parada en Chenlo

O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu obxectivo de achegar a administración local aos núcleos rurais a través da Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, que iniciou a súa andaina na parroquia de Cans, ten programada para este xoves, 16 de xullo, a súa penúltima parada na parroquia de Pontellas, antes de poñer o broche final a esta rolda de visitas a vindeira semana en Chenlo, o xoves 23 de xullo.

Esta iniciativa, impulsada directamente polo goberno local do Porriño, busca facilitar que a veciñanza poida realizar trámites administrativos directamente desde a súa contorna, evitando así desprazamentos innecesarios ata o centro urbano. 

Unha oficina integral á porta da casa

A caravana funciona como unha extensión real do propio consistorio. Grazas a ela, os residentes de cada parroquia poden realizar diversas xestións administrativas e tramitar solicitudes oficiais; acceder de forma áxil a información municipal de interese, ou presentar demandas e suxestións sen necesidade de coller o coche, coa gran vantaxe de que o equipo de goberno pode desprazarse no mesmo momento a revisar o espazo concreto obxecto da petición.

O propio alcalde, Alejandro Lorenzo, está a participar activamente nestes encontros para recoller de primeira man as necesidades de cada veciño e veciña con diversas reunións e citas en cada parroquia. Nesta campaña, o rexedor está acompañado por un amplo equipo de goberno para dar resposta inmediata ás distintas áreas.

Os veciños e veciñas poden acudir con cita previa para ter prioridade, ou achegarse ata os centros culturais onde se aparca a caravana.

Recta final do calendario de visitas

Coa parada deste xoves en Pontellas e a da vindeira semana en Chenlo, a oficina itinerante completa un intenso percorrido en horario de mañá que xa a levou a visitardesde xuño as parroquias de Cans, Atios, Mosende, Carracido , Budiño e Torneiros.

O Concello do Porriño convida a toda a veciñanza de Pontellas a achegarse este xoves á caravana para trasladar as súas consultas, propostas e xestións de maneira directa e sen intermediarios.

Comparte este artigo