O PP presentará unha moción para rexeitar o trazado da liña de alta tensión en Mos

Redacción

O Partido Popular presentará unha moción de repulsa e rexeitamento ao trazado previsto para a infraestrutura eléctrica de alta tensión promovida por Redeia ao seu paso por Mos, ao considerar que provoca importantes afeccións sobre o territorio, os núcleos de poboación, os montes, os espazos naturais e a veciñanza.

A iniciativa deixa claro que Mos non se opón á necesidade de desenvolver e reforzar as infraestruturas eléctricas, senón ao trazado proposto e ao seu impacto sobre o municipio. Por iso, reclama que se estuden alternativas que permitan compatibilizar a necesidade da infraestrutura coa protección do territorio, incluíndo o aproveitamento da estrada autonómica PO-331 como corredor e o soterramento da liña na maior medida tecnicamente posible.

Un dos puntos centrais da iniciativa é o rexeitamento expreso a que a nova Planificación da Rede de Transporte de Electricidade con Horizonte 2030 aprobada o pasado 20 de novembro polo Goberno de Pedro Sánchez poida supoñer a consolidación ou validación definitiva do trazado actual da liña ao seu paso por Mos. O texto reclama que ningunha planificación estatal nin modificación normativa vinculada ao seu desenvolvemento sirva para dar por pechada esta cuestión sen que previamente se estuden, valoren e resolvan de maneira motivada as alternativas e alegacións presentadas polo Concello e pola veciñanza afectada.

O documento considera que a aprobación da planificación eléctrica estatal non pode deixar sen resposta as reivindicacións municipais nin converter nunha decisión inamovible un trazado que conta co rexeitamento do Concello e de colectivos afectados. Por iso, reclama que se teñan en conta non só os criterios económicos, senón tamén os impactos ambientais, sociais e territoriais, así como a calidade de vida da veciñanza.

Outro dos aspectos destacados é o alcance institucional da iniciativa. O acordo sexto establece que os acordos adoptados se trasladen ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ao Goberno de España, á Xunta de Galicia, a Redeia, aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Parlamento de Galicia, así como ás asociacións veciñais e comunidades de montes afectadas.

Comparte este artigo