O Rosal acolle este xoves 26 ás 17.30 h un novo encontro coa experta en igualdade Angelina Gándara para reflexionar sobre a amizade e os coidados entre mulleres no marco da programación do 25N
A amizade entre mulleres é unha rede de apoio, resistencia e coidado mutuo. Sobre o valor destas relacións xirará a nova sesión dos Cafés en Igualdade do Rosal, que se celebrará este xoves 26 ás 17.30 horas no Salón de Exposicións do Concello no marco da programación conmemorativa do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Baixo o título ‘As que nos sosteñen. A amizade como apoio e coidado entre mulleres’, o encontro estará conducido por Angelina Gándara Alonso, experta en igualdade de AGA Formación, que convidará ás participantes a reflexionar sobre o papel que desempeñan os vínculos de amizade no benestar emocional, na autonomía persoal e no empoderamento individual e colectivo.
A proposta busca poñer en valor a sororidade e a importancia de contar con espazos de confianza nos que compartir experiencias, expresar inquedanzas e atopar acompañamento sen medo a ser xulgadas. Unhas relacións que adquiren especial relevancia ante situacións de desigualdade, illamento ou violencia machista.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de incorporar esta perspectiva á programación do 25N. “A loita contra a violencia machista pasa tamén por fortalecer os vínculos comunitarios e construír contornas nas que ningunha muller se sinta soa. As redes de apoio son fundamentais para romper o silencio, combater o illamento e acompañar ás mulleres nos momentos máis difíciles”, recalca.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destaca o potencial transformador destas relacións, “das amizades que nos acompañan, que nos axudan a identificar situacións de desigualdade e que nos ofrecen un espazo de confianza para expresarnos con liberdade. Recoñecer o valor destes vínculos é tamén reivindicar a capacidade das mulleres para impulsar cambios individuais e colectivos”.
Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

