O evento comezará as dez da mañá nas inmediacións do Centro Cultural
O Centro Cultural da parroquia ponteareá de Moreira acollerá este próximo sábado, 18 de xullo, a “4ª Festa dá Cervexa”, organizada pola Asociación Cultural de Moreira e coa colaboración do concello de Ponteareas. O evento inclúe unha completa programación, combinando doce horas de música en directo, actividades gastronómicas e o tradicional encontro moteiro.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto ao tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, presentaron o cartel desta cuarta edición, destacando a importancia de apoiar o traballo das casas e centros culturais que “xogan un papel crave para manter vivas as tradicións e servir de punto de encontro”.
Nava lembrou que unha gran parte da poboación da localidade reside nas parroquias, o que converte a este evento “como unha cita importante para a dinamización cultural e o lecer veciñal”, alén de ser xa un evento “consolidado no calendario estival da comarca do Condado”.
A apertura oficial do recinto terá lugar ás 10.00 horas, momento no que se iniciará a recepción de participantes da tradicional ‘Xuntanza Moteira’. Como mostra de hospitalidade e benvida, a organización obsequiará cun choripán a todos os motoristas rexistrados que se sumen á concentración matinal. A esa mesma hora o Dj Rubén Bermúdez, responsable da coordinación técnica e a animación musical, abrirá un capítulo musical que se estenderá durante todo o día para que a música non pare en ningún momento.
Programa musical ininterrompido
O principal eixo vertebrador desta cuarta edición radica na súa ampla proposta musical, podería dicirse que todo un maratón musical que se estenderá durante 12 horas continuadas, con actuacións en directo no escenario do Centro Cultural de Moreira. O concerto de apertura correrá a cargo do grupo “Alteanos”, ás 12.30 horas. Seguiralle, ás 13.30, a actuación de “Adredde solista pop”.
A xornada de tarde abriraa, as 17.30, a coñecida banda “Karlsbert”. Ás 19.30 será a turno para o repertorio en directo de “Hijos de Puchini”, ás 21.30 será a quenda para a formación “Wilson Band”, mentres que ás 22.45 poderase desfrutar con “Tami Madoy”, cantante e artista galega, coñecida principalmente pola súa participación en programas musicais da TVG. O broche de ouro poñerao, ás 23.30, a mítica banda galega “O Caimán do Río Tea”.
O evento seguirá ofrecendo outras interesantes propostas, coa tirada de fogos artificiais, ás 00.00 horas, á que seguirá unha sesión especial de clausura, dirixida polo propio DJ Rubén Bermúdez.
Servizos e impacto local
Para garantir a comodidade dos asistentes, o recinto dispoñerá dun servizo continuo de cantina con diversas variedades de cervexa e opcións de restauración. De forma complementaria, a Asociación Cultural dinamizará a xornada mediante a organización de diversos sorteos con premios sorpresa ao longo de todo o día.
Con esta iniciativa, a asociación organizadora busca “promover o encontro social e poñer en valor as instalacións do tecido asociativo local”, alén de ofrecer unha alternativa de lecer cultural de calidade, tanto para os residentes do municipio como para os visitantes da provincia.

