O Concello de Mos remitiu onte un novo escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar a adopción urxente de medidas que melloren a seguridade na estrada nacional N-550, despois do accidente de tráfico rexistrado na tarde de onte, arredor das 16:30 horas, á altura do cruce co Camiño da Quiringosta, punto especialmente sensible ao tratarse do lugar habilitado para que os peregrinos crucen a estrada durante o seu percorrido polo Camiño Portugués a Santiago.
No accidente resultou ferida unha peregrina de nacionalidade alemá, duns 47 anos, que sufriu unha fractura na perna dereita. O vehículo implicado abandonou o lugar do sinistro sen deterse e sen prestar auxilio á vítima. A muller foi atendida inicialmente por veciños da zona, que a trasladaron a un centro sanitario, desde onde posteriormente foi derivada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A Policía Local de Mos desprazouse inmediatamente ao lugar, colaborou na asistencia á vítima e recolleu os primeiros datos e testemuños relacionados co accidente. Posteriormente, deuse traslado das actuacións á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, procedéndose ao traspaso da intervención por tratarse a N-550 dunha vía da súa competencia para a instrución do correspondente atestado.
Tras este novo accidente, a alcaldesa de Mos, Nidia María Arévalo, volveu dirixirse á Subdelegación do Goberno para reiterar as peticións que o Concello leva realizando desde hai tempo co obxectivo de mellorar a seguridade nesta estrada ao seu paso polo municipio. No escrito solicítase a execución de medidas como o reforzo da sinalización, actuacións de calmado do tráfico, a revisión dos límites de velocidade, un maior control da circulación e todas aquelas intervencións técnicas que sexan necesarias para reducir o risco neste tramo.
Tamén se solicita a convocatoria urxente dunha reunión entre a Subdelegación do Goberno, a Demarcación de Estradas do Estado e o Concello de Mos para analizar a situación e coordinar actuacións, ademais de reclamar información por escrito sobre as medidas previstas e os prazos para a súa execución.
No escrito remitido onte considérase igualmente inaceptable que se pretenda atribuír á alcaldesa a responsabilidade polos problemas de seguridade dunha estrada cuxa competencia corresponde á Administración Xeral do Estado. Pola contra, lembra que leva anos advertindo do risco existente e reclamando as actuacións necesarias á administración competente.
O Concello de Mos considera que o accidente ocorrido onte volve poñer de manifesto a necesidade de impulsar, sen máis demora, as actuacións de mellora da seguridade viaria que leva tempo reclamando para a N-550 ao seu paso polo municipio. O obxectivo é reducir os riscos existentes e garantir a protección dos peregrinos, da veciñanza e do conxunto das persoas usuarias desta vía.

