Carlos Núñez volve a Salvaterra de Miño coa xira Lugares Máxicos

Redacción

O artista escolle por cuarto ano consecutivo o recinto amurallado de Salvaterra de Miño como escenario dun dos concertos máis especiais da súa xira.

Carlos Núñez volverá facer parada en Salvaterra de Miño coa súa recoñecida xira Lugares Máxicos 2026. Este será o cuarto ano consecutivo no que o músico galego escolle o emblemático recinto amurallado como escenario dun concerto único, consolidando este espazo patrimonial como unha das citas imprescindibles da súa xira estival.

Ao longo destes anos, miles de persoas achegáronse ata Salvaterra para vivir unha experiencia musical irrepetible nun enclave singular. A pasada edición foi un novo éxito de público, congregando a preto de mil asistentes que gozaron dunha noite inesquecible.

Recoñecido internacionalmente, Carlos Núñez, gañador dun Premio Grammy e protagonista de actuacións en escenarios tan prestixiosos como o Carnegie Hall de Nova York ou o Royal Albert Hall de Londres, compartiu escenario con artistas da talla de Bob Dylan, Joni Mitchell, The Who ou Lou Reed, entre outros.

Nesta nova edición da xira Lugares Máxicos 2026, o artista converterá unha vez máis o recinto amurallado de Salvaterra de Miño nun espazo onde patrimonio, historia e música se unen para ofrecer unha experiencia única.

As entradas xa están á venda a través da páxina web www.ataquilla.com e no Museo da Ciencia do Viño.

Comparte este artigo