Profesionais da saúde mental reuníronse esta mañá no Porriño nun primeiro ‘Almorzo de coidados entre profesionais’, un espazo creado para compartir experiencias, reflexionar sobre os retos da práctica clínica e fortalecer as redes de apoio entre compañeiras e compañeiros do sector.
O encontro nace coa vontade de ofrecer un lugar de diálogo seguro e horizontal onde abordar cuestións que afectan ao exercicio profesional, como a soidade profesional, a fatiga emocional e o burnout, as dificultades que se repiten na consulta, así como a crecente complexidade das demandas sociais.
Durante esta primeira xornada celebrada no Porriño , as persoas participantes puxeron de manifesto a necesidade de crear espazos estables de encontro, supervisión e intervisión, favorecendo o coidado mutuo e o intercambio de recursos entre profesionais. Tamén se abriu un debate sobre a importancia de fortalecer a comunicación coas institucións e de impulsar iniciativas conxuntas que contribúan a mellorar o benestar tanto dos profesionais como das persoas ás que acompañan.
A sesión concluíu cunha reflexión colectiva sobre os próximos pasos, manifestando o interese compartido por dar continuidade a este tipo de encontros e consolidar unha rede de apoio profesional na comarca. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xa monstruo a súa vontade de que estes encontros sigan a celebrarse no Porriño
Esta primeira edición supón un punto de partida para visibilizar a realidade da profesión, promover o coidado de quen coida e fomentar unha práctica máis sostible e colaborativa no ámbito da saúde mental.

