“Ruta polos lugares de memoria democrática” mañá martes en Tui

Redacción

A cita forma parte da programación do ciclo “Coñece o noso patrimonio”

Mañá martes, 21 de xullo, ás 20.30 h na praza do Concello comezará a “Ruta polos lugares de memoria democrática”. Trátase da terceira visita do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que organiza o Instituto de Estudios Tudenses, coa colaboración do Concello de Tui neste mes de xullo e no de agosto. O percorrido abranguerá diversos lugares relacionados coa memoria democrática na semana en que se cumpren 90 anos do golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e da semana en que a cidade de Tui mantivo a súa adhesión á II República ata a entrada das tropas golpistas o 26 de xullo.

A visita correrá a cargo de Helena Pousa Ortega, presidenta da  Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e profesora xubilada de ensino medio, que ten estudado esta temática na súa publicación sobre as mulleres encarceradas no cárcere do partido xudicial tudense.

Ana Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio, salienta o interese desta visita que nos achega ao patrimonio inmaterial ligado á nosa historia contemporánea, concretamente aos inicios da guerra civil española co golpe de estado de 1936 e as súas consecuencias na nosa cidade e que conforman unha parte da memoria democrática que neste noventa aniversario compre resaltar para incentivar á participación cidadán e a reflexión social sobre estes acontecementos e contribuír a recoñecer a dignidades das vítimas de toda forma de violencia e represión.

A presidenta da Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón Fernández, congratúlase polo éxito de participación nas anteriores actividades deste ciclo de visitas guiades que reuniu a cerca de 150 persoas na visita ás escavacións arqueolóxicas da Praza do Pracer e mais de 70 na celebrada a pasada semana sobre a escultura pública en Tui.

A participación nestas visitas é libre e gratuíta.

O ciclo “Coñece o noso patrimonio” continuará coas seguintes visitas:

  • Xullo
    • Martes 28: “Las huellas de 800 años de arte en la catedral de Tui” por Marta Cendón Fernández, catedrática da USC e presidenta do IET.
    • Inicio portada da Catedral de Tui – 20.30 h.
  • Agosto
    • Martes 11: “Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio”, por Isilda Salvador, museóloga.
    • Inicio: Mosteiro de Ganfei – Valença – 20.30 h (ES)
  • Martes 18: “La catedral medieval de Santa María de Tui” conferencia de Carmen Manso Porto da Real Academia da Historia.
    • Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela – 20.00 h.
  • Martes 25:  “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral”, por José Ramón Fernández Fernández, historiador.
    • Igrexa parroquial de San Francisco – 21.00 h.
Comparte este artigo