O Rosal revive a aventura de cinco mozos para conquista os 317 km do Miño

Redacción

O Concello acolle a exposición ‘O río que nos move’, unha homenaxe ao 40 aniversario da histórica expedición de 1985 que percorreu o río dende o seu nacemento ata o mar

Hai historias que inspiran xeracións enteiras. Catro décadas despois dunha das aventuras máis singulares vividas no Baixo Miño, O Rosal recupera a memoria dunha expedición que converteu un soño xuvenil nunha fazaña inesquecible. O vindeiro 23 de xullo, ás 20.00 horas, a Sala de Exposicións do Concello do Rosal acollerá a inauguración e o coloquio da mostra O río que nos move, un proxecto expositivo que conmemora o 40 aniversario da histórica baixada do río Miño realizada en 1985 por cinco mozos do Baixo Miño que percorreron en canoa os 317 quilómetros que separan o nacemento do río, no Pedregal de Irimia, da súa desembocadura na Guarda.

A parada da exposición no Rosal ten un significado especialmente emotivo. Foi nesta vila onde a aventura comezou moito antes de tocar a auga. Na casa dos Carrera e no antigo galiñeiro situado ao pé do río Tamuxe, último afluente galego do Miño, naceu a idea da expedición e construíronse artesanalmente as canoas que farían posible o descenso. Un traballo de investigación, aprendizaxe e ilusión no que se buscaron planos especializados e se contou co asesoramento de construtores de embarcacións de madeira para dar forma ao proxecto.

Aprimeira botadura da canoa realizouse precisamente no Tamuxe, nun momento cargado de simbolismo e emoción que marcou o inicio dunha viaxe que quedaría gravada na memoria colectiva da comarca.

A mostra chega ao Rosal tras estar en abril en Meira, onde nace o Miño, en maio en Lugo e en xuño en Portomarín, para completar un total de oito concellos do curso do río. Dos pormenores desa aventura de cinco mozos, de entre 21 e 23 anos, darase conta no coloquio que acompañará a apertura da exposición dun cento de fotografías feitas daquela, xunto a unha das canoas -recuperada dunha palleira e restaurada para a ocasión-, os remos e os chalecos empregados na viaxe. O grupo Clarinetas da Agrupación Musical do Rosal animará o acto, de entrada libre.

Na sala soará unha peza musical orixinal composta para a exposición, Discorrer, que inclúe gravacións do Arquivo Sonoro do río Miño, depositado no Consello da Cultura Galega, e outra creación igualmente orixinal, Minius.

O proxecto expositivo O río que nos move é a primeira gran mostra sobre o Río de Galicia, como tamén lle chamaba Ramón Otero Pedrayo. Recupera a memoria daquela iniciativa única co ánimo de axudar na concienciación medioambiental e dar a coñecer a riqueza e inmensas posibilidades do Pai Miño, a gran ruta por descubrir coa que os cinco protagonistas (Carlos, Xurxo, Juanjo, Santos e Rafa)  adquiriron un compromiso de defensa e divulgación.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “esta exposición permítenos recuperar unha parte da nosa memoria colectiva e render homenaxe a cinco mozos que demostraron que a ilusión, o esforzo e o traballo en equipo son capaces de facer realidade calquera reto”. A rexedora subliñou ademais o especial vínculo da mostra co municipio, “o lugar no que se soñou esta aventura da que podemos sentirnos orgullosas e orgullosos porque forma parte da identidade do noso territorio”.

Comparte este artigo