A XXI Festa do Peixe Espada convertirá A Guarda na capital grastronómica deste produto durante esta fin de semana

Redacción

A Guarda acolle esta fin de semana, os días 24, 25 e 26 de xullo, a XXI Festa do Peixe Espada, un evento organizado pola Organización De Palangreros Guardeses  (ORPAGU) en colaboración co Concello da Guarda e a Asociación Piueiro, que volverá reunir gastronomía, tradición mariñeira e actividades para todos os públicos arredor dun dos produtos máis emblemáticos da vila.    

A programación dará comezo o venres 24 de xullo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Concello da Guarda, coa inauguración oficial da festa e a entrega do premio do concurso infantil da XXI Festa do Peixe Espada.      

Durante a fin de semana desenvolveranse numerosas actividades para todas as idades. O sábado, 25 de xullo, haberá un obradoiro infantil organizado pola Asociación Piueiro, a apertura da exposición etnográfica mariñeira na Casa do Pescador e un taller infantil de cociña promovido por ORPAGU. Ademais, celebrarase unha visita guiada á Guarda mariñeira, o II Gran Premio Ciclista ORPAGU e o IX Torneo 3×3 Vila da Guarda.

O domingo continuará a programación coas tradicionais saídas no volanteiro Piueiro, previa inscrición, e coa actuación da Banda de Acordeóns Metropolitana na Praza de San Benito, que porá o broche musical á edición deste ano.   

A música tradicional tamén terá un papel protagonista grazas aos pasarrúas do grupo folclórico Trebón dos Xidos, que percorrerá as rúas da Guarda tanto o sábado como o domingo.

A gastronomía será o gran atractivo da celebración. Quince establecementos da Guarda ofrecerán durante os tres días pratos e tapas elaborados con peixe espada, combinando receitas tradicionais con propostas innovadoras para poñer en valor este produto de excelencia e o traballo da frota palangreira guardesa.    

A XXI Festa do Peixe Espada é unha cita imprescindible do verán na Guarda, contribuíndo á promoción do peixe espada, da cultura mariñeira e da hostalaría local a través dun programa que combina tradición, lecer e gastronomía.

Comparte este artigo