• Pepa Pardo asegura que o problema xa non se limita ao centro tras visitar os veciños de Ciudad de Pedra que conviven con pelexas, lixo e unha crecente sensación de inseguridade
• Os populares instan a Lores a “deixar de mirar para outro lado” con medidas urxentes no ámbito social e incrementando o persoal da Policía Local con patrullas a pé
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo denunciou que os problemas de convivencia cidadá continúan aumentando na cidade e que se están estendendo a novas zonas, como a rúa Camiño de Ferro e a avenida Eduardo Pondal.
Acompañada pola edil popular Bea Rey, Pardo desprazouse á coñecida como Ciudad de Pedra tras recibir as queixas de veciños que alertan de pelexas, acumulación de lixo e unha crecente sensación de inseguridade.
A concelleira do PP explicou que esta problemática xa non se concentra unicamente nos puntos máis conflitivos do centro, senón que afecta tamén a outros barrios de Pontevedra. “Xa non só son os puntos críticos do centro, como a Praza da Ferrería ou a Praza da Estrella, onde se están vendo gravemente prexudicados os hostaleiros da zona. Ou a Praza de Galicia, no barrio de Campolongo, onde os veciños nos informan de que os seus propios fillos ven case a diario como determinadas persoas fan as súas necesidades, a plena luz do día, na vía pública e no mobiliario urbano”, describiu.
Ante esta situación, Pardo asegurou que o Goberno local, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, “mira cara a outro lado” e “nega a realidade existente dicindo que son todo esaxeracións e alarmismos”.
Por iso, o PP de Pontevedra volve reclamar ao alcalde unha resposta urxente: “A cidade e os pontevedreses non merecen isto. Nin os nosos veciños, nin os nosos comerciantes, nin os nosos hostaleiros merecen convivir con este problema desde hai anos”, defendeu a tamén secretaria xeral dos populares da cidade.
Pardo defendeu que o Goberno municipal do BNG debe actuar de forma inmediata “no ámbito social e no ámbito da seguridade” porque “non queremos nin debemos acostumarnos a que esa sexa a normalidade imperante en Pontevedra”.
Finalmente, reiterou a necesidade de reforzar o persoal da Policía Local e recuperar as patrullas a pé, ao considerar que “son esenciais porque serven para previr e porque incrementan a sensación de seguridade na nosa cidade”. Para rematar, reclamou ao alcalde que “deixe de mirar cara a outro lado e tome medidas de xeito urxente”.

