O evento incluirá un total de oito concertos, animación de rúa, obradoiros infantís e de baile
Ponteareas volve vestirse de gala para acoller unha das citas musicais e culturais máis singulares do verán galego, o Festival de Jazz que nesta ocasión, e como novidade, pasa a ter dous días de actividade, os vindeiros días 7 e 8 de agosto, aumentando a súa oferta musical ata un total de oito bandas. Baixo o consolidado espírito urbano de “The Jazz Street”, a vila do Corpus fará unha viaxe no tempo para transformar as súas prazas principais e rúas na Nova Orleans de 1920, fusionando a música en directo coa dinamización comercial, pedagóxica e hostaleira.
Ademais da música, un dos atractivos deste festival é esa invitación a caracterizarse, inspirándose na Nova Orleans dos anos 20. Ao longo do festival membros da organización percorrerán o recinto en distintos momentos para seleccionar ás persoas mellor caracterizadas. Os seleccionados recibirán un diploma acreditativo, como “Embaixador/a do Jazz 2026”, e un vale agasallo para gastar nun establecemento colaborador. Tamén a realización dunha fotografía oficial, que será publicada posteriormente nas canles oficiais do concello.
O acto de presentación oficial contou coa presenza de Andrea Costa, xestora cultural, do concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, e da alcaldesa, Nava Castro. Juan Carlos González destacou que este evento “non é só un festival de escenario, senón unha proposta transversal que saca a cultura á rúa, impulsa de forma directa o noso comercio e hostalaría e ofrece unha experiencia estética e histórica inmersiva única na provincia”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, amosou a súa gran satisfacción pola evolución desta cita cultural e destacou especialmente o crecemento do seu formato, indicando que despois do éxito colleitado o ano pasado na estrea de ‘The Jazz Street’ nunha única xornada, “este ano dáse un paso histórico ao estender o festival a dous días completos”. Con esta ampliación ao 7 e 8 de agosto, redóbrase a “aposta por achegar o jazz a todos os públicos”, consolidando unha oferta inmersiva “que dinamiza cultural, comercial e socialmente o noso concello”.
Así mesmo, a rexedora fixo un chamamento especial á implicación veciñal, animando a que os veciños e veciñas, ademais de todas as persoas que visiten Ponteareas ese fin de semana, “se sumen a revivir os anos 20 caracterizándose de época cos seus amigos e familias”.
Primeira xornada
Contando como escenario principal a Praza Maior, a primeira xornada deste festival de jazz urbano de Ponteatreas abrirase ás 20.00 horas, con dúas actividades simultáneas. Para os máis cativos haberá un “Recuncho infantil” con xogos tradicionais de madeira, co fin de que os máis pequenos tamén vivan o espírito dos anos 20. Ao mesmo tempo a formación de Ponteareas “David Taboada Quartet” protagonizará a primeira actuación musical, cunha proposta de jazz fresca, elegante e chea de personalidade. As 21.30 horas terá lugar a segunda cita do día, coa actuación de “Teshuva Band”, cunha proposta que une o klezmer con sons doutras culturas nun concerto cargado de matices.
As 22.30 chega o momento de mover o esqueleto, cun obradoiro de baile baixo o nome de “Swing On!”, onde se poderán aprender os pasos básicos nunha clase aberta para todos os públicos, impartida por “Swing on Vigo”. Xa ás 23.30 horas comeza o segundo bloque musical, neste caso co son dixieland percorrendo as rúas coa animación itinerante do cuarteto “St. James Dixie Band”. A formación ”Layuca será a encargada de pechar a primeira xornada, xa na Praza Maior ás 00.30 horas, cunha explosiva fusión de funk, jazz, blues e ritmos afrocubanos cun directo cheo de ritmo e forza.
Segunda xornada
A segunda xornada, a do sábado 8 abrirase ás 20.00 horas, tamén con dúas actividades simultáneas. Para os máis cativos haberá novamente un “Recuncho infantil” con xogos tradicionais de madeira, co fin de que os máis pequenos tamén vivan o espírito dos anos 20. Ao mesmo tempo a agrupación “Diego Nogueira Quinteto” protagonizará a primeira actuación musical do día, cunha proposta que fusiona jazz, latín, funk e folclore galego cun son moderno e aberto á improvisación. As 21.20 horas será o turno para “David Guerreiro Cuarteto”. Dende Ámsterdam e con raíces en Ponteareas, presentan un jazz contemporáneo inspirado nas emocións cotiás.
Ás 22.20 horas chega unha nova oportunidade de aprender a bailar swing, co obradoiro de baile para todos os públicos. Unha boa forma de adentrarse nos ritmos do swing. A continuación, ás 23.20 será o momento de desfrutar con “Valentín Caamaño Quartet”, cun repertorio de composición propia onde as melodías e a sensibilidade marcan a identidade do seu último traballo. O peche do festival chegará coa actuación de “Mr. River”, as 00.50 horas, cun son propio que define o “River Style”, unindo jazz, rock, blues, funk e música tradicional galega.

