Récords de participación cunha Praza do Calvario ateigada no concerto de De Ninghures, co que culminou unha intensa programación cultural e musical para todas as idades
A música volveu poñer a O Rosal no mapa de Galicia. As Festas do Verán do Pilar pecharon esta fin de semana cun balance histórico, reunindo milleiros de persoas nunha programación que converteu o municipio nun dos grandes referentes musicais e culturais do verán galego.
O momento culminante chegou na noite do venres 25 de xullo, cando a Praza do Calvario rexistrou unha asistencia sen precedentes para gozar do concerto de De Ninghures. A banda galega asinou unha actuación memorable que encheu por completo o recinto, confirmando o enorme poder de convocatoria dunha programación que cada ano atrae máis visitantes, especialmente público mozo, chegado desde distintos puntos de Galicia.
Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “o éxito desta edición confirma que O Rosal é xa unha cita imprescindible para quen quere gozar da mellor música galega durante o verán. Apostamos por unha programación de calidade, gratuíta e aberta a todos os públicos e a resposta da xente demostra que imos polo bo camiño”. A rexedora quixo tamén agradecer “o extraordinario comportamento do público e o enorme traballo realizado por asociacións, colectivos, artistas, persoal municipal e servizos de seguridade, porque o éxito destas festas é o resultado dun esforzo compartido por todas e todos”.
Antes do concerto estelar, o grupo guardés Boogies, gañador do último concurso de maquetas do Millo Verde, foi o encargado de abrir unha noite cargada de música e bo ambiente. A festa prolongouse coa sesión dos DJs locais Axel, Joselete e Robertlind, aos que se sumou a viguesa Olalla González, completando unha proposta musical que mantivo a Praza do Calvario chea ata ben entrada a noite.
Foron dous días de intensa programación que arrancou co tradicional Festival Xente Xida, que celebrou a súa oitava edición reafirmándose como unha das grandes citas da música tradicional da comarca, cun ambiente inmellorable e unha ampla participación. Xa o sábado desenvolveuse o VI Torneo de Xadrez, organizado polo Club Albatros, que reuniu a numerosos participantes arredor dun deporte que gaña cada vez máis seguidores. Tamén regresou o Encontro dos Pobos, unha cita xa consolidada que volveu converter O Rosal nun espazo de intercambio cultural coa participación de Lusco ao Fusco, do grupo portugués CDP Calendário, de Vila Nova de Famalicão, e das formacións romanesas Doina Ilfovului e Vatra Buftei, nunha mostra de folclore e tradición que volveu conquistar ao público.
Para Ánxela Fernández Callís, “estas festas representan o modelo de municipio que queremos seguir construíndo: un Rosal vivo, dinámico, que aposta pola cultura, apoia o talento galego e crea espazos de encontro para persoas de todas as idades. Ver a Praza do Calvario completamente chea é a mellor recompensa ao traballo realizado”.

