O concello de Bueu organiza o 6 de agosto a inauguración do pavillón de Beluso e unha homenaxe ao deporte local

Redacción
  • O acto será ás 20 horas e pretende ser a gran festa do deporte local, ao tempo que se inaugura esta gran infraestrutura deportiva
  • A reforma do pavillón contou cun orzamento preto aos 1.500.000 euros e supuxo a mellora dunha das grandes instalacións da vila e da parroquia de Beluso

O Concello de Bueu organizará o próximo xoves, 6 de agosto, a inauguración do Pavillón Municipal de Beluso. No acto, que terá lugar ás 20 horas, tamén se homenaxeará aos clubs e deportistas individuais da vila, no que pretende ser a gran festa do deporte local, coa asistencia deles e a entrega duns agasallos institucionais por parte do Concello.

Dende o goberno local convídase a todos os colectivos e veciños e veciñas a asistir a este evento que contará con sorpresas e diversas actuacións musicais.

As obras do Pavillón, acometidas por Proyecon Galicia, culminaron hai unhas semanas cun orzamento de 1.478.480,85 € e supuxeron a mellora dunha das grandes infraestruturas da vila e da parroquia de Beluso.

Coa reforma do Pavillón de Beluso solucionáronse os problemas que a instalación deportiva arrastraba dende hai tempo, como a humidade nos vestiarios e as filtracións de auga da chuvia que entran pola cuberta, pero tamén se aplicaron conceptos adaptados aos tempos que vivimos, como a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade ou a habitabilidade. 

O Concello conseguiu unha subvención da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, outra da Deputación de Pontevedra e unha operación de crédito bancaria para poder financiar a obra.

Entre as reformas que se acometeron están a apertura de varias ventás para dotar de luz natural á pista, a instalación dunha nova fachada ventilada con illamento térmico, ou a mellora do illamento e a impermeabilización da cuberta levando a auga cara ao exterior.

Na planta baixa, a nova distribución permite contar con catro vestiarios de equipo e dous de árbitros, todos eles accesibles para persoas con mobilidade reducida. Na planta alta, sitúanse os aseos do público feminino, masculino e mobilidade reducida; neste último, incorporouse un lavabo para persoas ostomizadas. A pista é dun pavimento deportivo con acabado en madeira para unha maior flexibilidade nas diferentes disciplinas deportivas, xa que este pavimento é o único que permite o seu uso tanto para os deportes de pelota coma de patinaxe. Por último dotouse o pavillón cun vídeo marcador de dez metros cadrados de superficie, así como dunha instalación de música e son.

Comparte este artigo