A xunta de goberno local do Concello de Ourense, abordou na súa sesión desta mañá un total de 38 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais.
Avogacía Consistorial (16)
A xunta de goberno local deu conta de 12 sentenzas, todas do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, que estiman recursos presentados por persoal municipal dos corpos de Bombeiros e Policía Local a quen lle recoñece o dereito a percibir nos seus días de vacacións ou baixa as mesmas remuneracións que durante o resto do ano, incluídos pluses de festividade e nocturnidade.
O xulgado estima os recursos baseándose nas sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e na sentenza do Tribunal Supremo número 1233/2020, que día que os pluses de nocturnidade e festividade “non son gratificacións senón que forman parte do expresado complemento (salarial), cuxa retribución non pode ser detraída da retribución do mes de vacacións”.
A tramitación dos 12 recursos fora suspendida porque se estaba a dilucidar no Tribunal Supremo unha reclamación de índole similar, e retómase agora con estas 12 sentenzas. Todas seguen o criterio da xurisprudencia, que foi tamén aprobado pola mesa de negociación do Concello de Ourense
A xunta local tamén deu conta do desistimento dun recorrente nun procedemento abreviado, de 2 sentenzas do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 por reclamacións realizadas por particulares contra resolucións do Tribunal Económico Administrativo municipal polo imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana: Unha sentenza desestima un recurso e outra o desestima. Finalmente, outra sentenza, do Contencioso número 1, estima un recurso dun particular por este mesmo tributo, e ordénalle ao Concello retrotraer actuacións por falta de notificación axeitada.
Licenzas urbanísticas (9). Concedéronse licenzas de obra ao Servizo Galego de Saúde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para o proxecto básico e de execución para reforma de centro de seccionamento e medida para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cun orzamento de execución material de 142.294,86 euros, e á empresa Naturgy Generación S.L.U., para a instalación dun sistema de aviso acústico do Plan de Emerxencia da Presa de Velle sita sobre o río Miño na Batundeira, cun orzamento de 29.576,92 euros.
Tamén se acordou conceder licenzas para instalar un ascensor, e substituír outro, en edificios de vivendas situados nas rúas Río Búbal, e Praza Poeta Alfonso Alcaraz, respectivamente; para o proxecto de reforma interior dunha vivenda na rúa da Concordia e para ampliar unha unifamiliar no Alto do Cumial. Tamén se aprobou declarar fóra de ordenación unha vivenda en Rairo, se outorgou unha prórroga de 3 anos para rematar as obras de instalación de elevador nun edificio na Rúa Río Limia, e concedeuse una licenza de segregación do baixo dun edificio en Xoán de Nóvoa.
Aperturas (2). Concedeuse unha licencia de obra de segregación e acondicionamento de local para farmacia na rúa do Vinteún e outra para a rehabilitación e ampliación de vivenda tradicional e construcións adxectivas para uso vivenda con espazo educativo, en lugar de Chantada, Castro de Beiro
Xestión urbanística (1) Disolución e apertura da fase de liquidación da Xunta de Compensación da área de reparto 09-O “Fonte do Bispo” do PXOM de 2003.
Patrimonio (4) Desestimar dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial, arquivar outra por desistimento, e requirir un condutor a para que lle abone ao Concello a suma de 1.314,99 € en concepto de indemnización polos danos causados a unha árbore situada na rúa do Paseo o día 16 de novembro de 2020, cando conducía o vehículo
Contratación. (1) Aprobar o expediente para contratar a subministración en 3 lotes da renovación e mantemento de diversas licenzas de software.
Servizo de Rehabilitación (2). Outorgar definitivamente dúas subvencións para obras de rehabilitación de vivendas nas áreas de rexeneración e rehabilitación urbana (ARRU) da cidade. Concretamente, por importe de 10.869,22 euros para as obras de reparación e saneado da fachada dun inmoble na rúa Camelias, na ARRU O Polvorín, As Camelias, A Carballeira, e de 6.783,00 € polas de reforma dun baño do inmoble situado na rúa do Bispo Nájera, na ARRU dos barrios de San Mamede, Cruceiro Quebrado, A Inmaculada.
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobouse o pagamento á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais por importe de 993,47 €, en concepto de taxa por reserva del dominio público radioélectrico correspondente ao exercicio económico 2020.
Infraestruturas (1). Aprobouse liberar crédito por importe de 288.075,80 euros do Lote II do contrato de servizos para a conservación e mantemento das infraestruturas viarias, logo de que se adxudicase o contrato cunha baixa por este importe económico. Deste xeito, co acordo da xunta de goberno local, a Concellería libera eses 288.075,80 para utilizalos noutros gastos da súa área.



