Nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos desenvolveron actividades encamiñadas ao respecto polo medio ambiente a fomentar a súa creatividade, potenciando, ademais, lazos de amizade
Aínda quedan prazas libres para a segunda quinquena de agosto (a primeira xa está completa)
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, visitou este venres á rapazada que participou no primeiro mes da Ludoteca de Verán, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno local para facilitar a conciliación laboral e familiar entre a veciñanza da capital da bisbarra. Pérez Gulín fixo entrega aos rapaces e rapazas dos seus correspondentes diplomas acreditativos. Durante estes 31 días iniciais tomaron parte na iniciativa arredor de 200 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Ademais de garantir esa conciliación, nunha época do ano como o verán na que, tal e como lembrou o rexedor caldense, “moitas familias atopan máis dificultades para poder compaxinar as súas obrigas profesionais co seu día a día no coidado dos seus fillos e fillas”, esta experiencia tamén supón un enriquecemento moi importante para os e as participantes, grazas ás diferentes propostas que se levan a cabo. A Feira da Creatividade da ‘Ludo lúdica’ e o espazo de xogos e deportes da ‘Ludo deportiva’ convertéronse nun lugar de encontro para “crear, descubrir, xogar e facer novas amizades”.
A Ludoteca de Verán desenvólvese nas dependencias do CEIP Alfonso VII, en horario de mañá, aínda que tamén inclúe excursións e actividades fóra do recinto. Durante o mes de xullo, a natureza foi protagonista, grazas ás visitas realizadas a lugares de referencia de Caldas de Reis, como o remodelado Xardín Botánico, a Fervenza de Segade ou as Pozas da Tafona. Tamén se organizaron excursións a outros lugares de Galicia, como a praia do Terrón ou as dunas de Corrubedo. Nestas semanas leváronse a cabo, asemade, xogos cooperativos, obradoiros artísticos, actividades musicais e moitas outras propostas que permitiron desenvolver a imaxinación, a convivencia e a creatividade das crianzas. A todo isto hai que engadir citas especiais que se levaron a cabo en colaboración con clubs e entidades de Caldas de Reis, como o taller de taekwondo e baile impartido polo Número Phi ou as sesións de baloncesto promovidas polo Club As Urracas, sen esquecer o Día dos Avós, con usuarios e usuarias do Fogar do Maior.
“O balanzo deste mes de xullo é moi positivo”, sinalou Jacobo Pérez, que expresou o seu agradecemento ás familias “pola confianza depositada no equipo da Ludoteca”, ao tempo que felicitou ás crianzas “por converter este mes nun auténtico éxito”. O Concello lembra que aínda quedan prazas libres para a segunda quinquena de agosto (a primeira xa está completa).

