O Porriño desborda fusta e tradición nas súas parroquias durante todo o mes de agosto

Redacción
  • O municipio desprega ao longo de todo o mes unha ampla programación con celebracións patronais, obradoiros na rúa, actividades infantís e probas deportivas

O mes de agosto arrinca no Porriño marcado por unha intensa axenda festiva e cultural que se estenderá polas distintas parroquias e polo centro urbano, comezando coas tradicionais festas de San Benito na parroquia de Atios, que se celebrarán durante os días 1, 2 e 3.. 

O calendario festivo continuará espallándose polas distintas parroquias e barrios do municipio ao longo de todo o mes. Tras a cita de Atios, o Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño acollerá a Xuntanza de San Salvador do 7 ao 9 de agosto, mentres que Pontellas celebrará as súas festas de Santo Paio entre o 8 e o 10. A mediados de mes, do 14 ao 16 de agosto, a actividade intensificarase coa celebración da Virxe da Guía en Atios e de San Roque en Torneiros. As citas patronais pecharanse coas festas de San Sebastián o 22 e 23 de agosto e a celebración do Neno Xesús de Chenlo o domingo 30.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no principal punto de encontro do centro da vila. Alí, os máis pequenos poderán gozar todos os domingos de agosto, entre as cinco e as oito da tarde, de inchables e dun tobogán de auga. Ademais, quen busque manterse en forma ao ritmo da música poderá participar nas clases gratuítas de zumba que se celebrarán os martes e xoves ás nove da noite. A oferta no centro inclúe tamén outras actividades como a do sábado 22 de agosto ás oito e media da noite co espectáculo de ilusionismo “2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas”, a cargo da Maga Fani e Martín Camiña, dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Campionato de España de maquetas

Xunto ás opcións de lecer e tradición, o deporte de precisión terá tamén o seu espazo destacado este verán. A pista de aeromodelismo de Pontellas será a sede do Campionato de España de Maquetas nas categorías F4C, F4H e F4 Iniciación, un evento de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo dos días 14, 15 e 16 de agosto.

Comparte este artigo