Mondariz devolve 380.000 euros á Xunta de Galicia destinados á recuperación dos Baños de Ermelo en Sabaxáns

Redacción

O alcalde recoñeceu no último pleno que o Concello renunciou á subvención da Xunta ao non conseguir a autorización da propiedade para executar o proxecto

Alternativa por Mondariz expresa a súa profunda preocupación tras coñecer, por boca do propio alcalde no pleno municipal celebrado o pasado 28 de xullo, que o Concello de Mondariz renunciou á subvención de case 380.000 euros concedida pola Xunta de Galicia o 10 de abril de 2025 ao abeiro do Fondo de Cooperación Local (FCL) para a recuperación patrimonial, etnográfica e paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns.

A nosa formación considera que a perda desta axuda supón un grave revés para o municipio, xa que se trataba dun investimento estratéxico destinado a recuperar un enclave de extraordinario valor histórico, etnográfico e ambiental, chamado a converterse nun novo recurso cultural e turístico para Mondariz.

Alternativa por Mondariz lembra que este proxecto foi iniciado durante o anterior mandato municipal, baixo a alcaldía de Xoán C. Montes Bugarín, un traballo que pretendía culminar coa obtención de fondos para a recuperación do patrimonio cultural.

Segundo o recoñecemento realizado polo alcalde no pleno, o Concello viuse obrigado a devolver os fondos ao non lograr as autorizacións necesarias da propiedade do manancial e dos terreos afectados pola actuación. Para Alternativa por Mondariz, esta situación evidencia unha preocupante falta de capacidade para culminar unha iniciativa que xa contaba co respaldo económico da Xunta de Galicia.
“Non estamos a falar dun simple atraso administrativo, senón da perda dunha oportunidade histórica para recuperar un espazo emblemático do noso patrimonio termal. Resulta incomprensible que un proxecto xa financiado remate coa devolución íntegra dos fondos por non seren capaces de resolver cuestións que debían formar parte da planificación básica da actuación, como é a tuitularidade dos terreos”, sinala Calis.

Augas de Ermelo

O proxecto orixinal de recuperación deste manancial de augas, que é coñecido e utilizado desde, cando menos, o ano 1852, foi redactado polo arquitecto vigués Ramón Boga, que centrou o seu proxecto final de carreira nestas augas mineiro-medicinais. O seu traballo, que foi ofrecido xenerosamente ao Concello de Mondariz sen esixir ningún tipo de contraprestación, levou por ơtulo “Proxecto de Rehabilitación dos Baños de Ermelo, Mondariz”, e fo defendido na universidade en outubro de 2019.

Comparte este artigo