O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

Redacción
  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial
  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.

Comparte este artigo