O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

Redacción
  • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

O Camiño da Relva, xa en marcha

As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

Próximas actuacións nas parroquias

O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

Comparte este artigo