O Concello iniciou en Cans un novo percorrido informativo en horario de tarde que percorrerá todas as parroquias do municipio para atender de primeira man as dúbidas e necesidades da veciñanza
O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu compromiso coa mellora das infraestruturas básicas do municipio. Co saneamento integral como unha das máximas prioridades do goberno local, arrincou en Cans a Caravana de Saneamento, unha iniciativa itinerante deseñada para achegar a xestión municipal ás distintas parroquias e atender de xeito individualizado aos veciños e veciñas. A vindeira parada desta rolda informativa terá lugar este martes, 11 de agosto, en Mosende.
Este calendario de visitas nace co obxectivo de garantir que toda a cidadanía teña acceso directo á información sobre o estado dos proxectos nas súas zonas. Durante o primeiro encontro celebrado en Cans, no que participou o concelleiro de Saneamento, Marcos Martínez, explicáronse actuacións clave e irrenunciables para a zona, como os proxectos previstos nos Eidos e na Graña-Sequeiras.
“Cada parroquia, cada veciño e veciña son prioridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia non só de ter o concello aberto á veciñanza, senón de achegarse a ela con estas iniciativas.
Atención personalizada e servizos municipais
A iniciativa destaca pola súa proximidade, resolvendo cuestións específicas que afectan ao día a día da veciñanza. No encontro de Cans, ademais de abordar os plans de saneamento e as xestións para a solicitude de enganches á rede xa executada, tratáronse asuntos como as axudas para sistemas de bombeo e servizos de baleirado de fosas sépticas, o estado dos permisos solicitados ao Ministerio de Fomento; a reformado lavadoiro, o desenvolvemento do novo carril bici, a instalación dun asador no parque do río ou o proxecto da casa parroquial cedida ao Concello.
Calendario de visitas nas parroquias
O goberno municipal manterá estas xuntanzas en horario de tarde ao longo das vindeiras semanas para acadar unha cobertura completa do municipio. O calendario previsto para as vindeiras datas é o seguinte:
- Mosende: 11 de agosto
- Pontellas: 18 de agosto
- Atios: 25 de agosto
- Budiño: 1 de setembro
- Chenlo: 8 de setembro
- Torneiros: 15 de setembro

