O Porriño consolida a súa solidariedade e sitúase entre os concellos con maior taxa de doazóns de sangue da provincia
- O ano pasado rexistráronse 1.286 doazóns no municipio, o que supón unha taxa de 61 por cada 1.000 habitantes, superando amplamente a media galega.
O Porriño, 18 de agosto de 2026. O Porriño consolida a súa solidariedade e sitúase entre os concellos con maior taxa de doazóns de sangue da provincia. Segundo os últimos datos do reconto anual, o municipio acadou o ano pasado un total de 1.286 doazóns de sangue, unha cifra que consolida á localidade como un dos grandes referentes en doación da provincia de Pontevedra.
Estes datos tradúcense nunha taxa de 61 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un índice moi destacado que supera en 22 puntos a media galega, situada actualmente en 39 doazóns por cada milleiro de residentes. Grazas a esta elevada participación, O Porriño situouse entre os concellos coas taxas máis altas de toda a provincia.
Cada doazón conta: Un chamamento a seguir doando
Malia os excelentes resultados acadados, a necesidade de reservas nos hospitais galegos é constante ao longo de todo o ano, especialmente en época estival, por iso o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto con José Luis Beiras Padella, Xerente da Axencia de Doación de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), animaron á veciñanza a seguir colaborando, sobre todo nesta campaña especial de verán.
Na visita que fixeron esta mañá á unidade móbil, volveron a poñer de manifesto a importancia de garantir as reservas necesarias nos hospitais galegos durante unha das épocas do ano con maior demanda e máis dificultades para manter un nivel suficiente de doazóns. “Podemos sacar peito destes bos datos-asegurou Lorenzo- pero non podemos baixar a guarda, porque cada día precísanse centos de doacións”.
Na actualidade, os hospitais de Galicia precisan máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, transplantes, urxencias e outras necesidades asistenciais. Ademais, dunha única doazón pódense obter tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que permiten axudar a máis dun paciente.

