Unha reclamación fundamentada e sostida no tempo para reparar un erro administrativo que deixou centos de vivendas en situación de risco
O Concello de Vilaboa deu un paso decisivo para resolver unha situación que leva anos preocupando a centos de familias do municipio. O goberno local vén de presentar oficialmente ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno a documentación necesaria para solicitar a rectificación do deslinde do dominio público marítimo-terrestre aprobado en 1997, co obxectivo de adecuar aquela delimitación ás Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal vixentes en 1988, seis meses antes da entrada en vigor da Lei de Costas.
A petición vai acompañada dun informe urbanístico do arquitecto municipal, que acredita que os núcleos de Paredes, Larache, O Muíño, Riomaior, Curra e Uveiras contaban, naquel momento, cos servizos mínimos esixidos pola normativa estatal e autonómica para seren considerados solo urbano ou asimilado.
A delimitación errónea realizada hai case tres décadas provocou que 262 vivendas construídas con licenza municipal quedasen incluídas na servidume de protección, xerando orde de demolicións, inseguridade xurídica e un risco evidente de responsabilidade patrimonial para o Concello. Das vivendas afectadas, 169 son anteriores á Lei de Costas e 93 posteriores, todas elas levantadas ao amparo dun planeamento municipal plenamente vixente naquel momento.
O informe técnico municipal reforza a solicitude ao demostrar que, en 1988, estes núcleos dispoñían de acceso rodado, subministración eléctrica, evacuación de augas residuais —colectiva ou mediante fosas sépticas— e abastecemento de auga, tanto por rede comunal como por captación individual. Ademais, as fotografías aéreas do Vuelo de Costas de 1989 evidencian a consolidación territorial destes asentamentos, integrados no tecido municipal e conectados mediante vías rodadas e mesmo estradas de titularidade estatal.
A rectificación solicitada por Vilaboa baséase tamén no artigo 44.5 do Real Decreto 876/2014, que permite modificar a servidume cando existan erros ou circunstancias non valoradas na tramitación do deslinde. O obxectivo é claro: axustar a delimitación á realidade urbanística existente antes da Lei de Costas e garantir a protección das familias afectadas, evitando que vivendas construídas legalmente queden sometidas a derrubo por un erro administrativo.
Esta iniciativa non é illada nin improvisada. Forma parte dun traballo intenso, sostido e coordinado que o goberno local leva anos desenvolvendo coas administracións implicadas. O Concello mantivo reunións técnicas con Urbanismo da Xunta, encontros coa Consellería de Medio Ambiente e contactos continuados con Costas do Estado, tanto a nivel provincial como en Madrid, no Ministerio, co secretario de Estado. Un esforzo que busca unha solución rigorosa, documentada e plenamente axustada á legalidade, para garantir que Vilaboa poida resolver unha situación que afecta directamente ao futuro de moitas familias.
O goberno local é consciente da dificultade que enfronta esta solicitude, pero considera que é a única vía aberta minimamente factible para dar solución a case un cento de persoas propietarias que dependen dela e agarda atopar o apoio das administracións concernidas para a consecución destes obxectivos

