Avante Ourense esixe ao concello que demostre que esta facendo cumprir a nova ordenanza contra o ruido

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’É inadmisible que os veciños teñan que soportar durante meses problemas de ruído e chegar aos tribunais para defender algo tan básico como o seu dereito a durmir. Se hai unha ordenanza, o Concello ten que facela cumprir e actuar con contundencia cando se acrediten incumprimentos’’

A plataforma reclama os datos de denuncias, medicións, inspeccións e sancións e advirte de que “aprobar unha ordenanza non serve de nada se despois non se fai cumprir”

Avante Ourense rexistrou unha solicitude ante o Concello para coñecer o grao real de cumprimento da nova Ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, en vigor desde o pasado mes de xuño.

A plataforma esixe coñecer o número de denuncias e avisos por ruído, intervencións da Policía Local, medicións acústicas, expedientes abertos, sancións e medidas correctoras durante 2025 e 2026, diferenciando as actuacións realizadas desde a entrada en vigor da nova normativa.

Avante Ourense considera especialmente preocupante que as queixas por ruído nocturno continúen xerando conflitos veciñais. Como exemplo sinala as reiteradas denuncias de veciños da zona de Valle-Inclán relacionadas coa discoteca Desörden, un asunto que provocou actuacións policiais e administrativas e que chegou á vía xudicial.

A plataforma lembra que o ocio nocturno non pode desenvolverse a costa do descanso de quen vive nas zonas afectadas e esixe controis e inspeccións suficientes durante a madrugada.

Avante Ourense analizará os datos facilitados polo Concello para comprobar se a nova ordenanza está tendo unha aplicación efectiva ou se, pola contra, quedou en papel mollado.
“Ourense necesita menos ordenanzas para a foto e máis actuacións na rúa. A veciñanza ten dereito a descansar e o Concello ten a obriga de garantilo”, conclúe Diéguez

Comparte este artigo