O presidente provincial visitou as instalacións da adega de Roberto Verino en Monterrei, un proxecto pioneiro na aposta pola calidade e as variedades autóctonas desta denominación de orixe
Menor salientou que empresas como Gargalo “demostran a capacidade de Ourense para transformar territorio, tradición e identidade en produtos de alto valor engadido”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe Bodegas Gargalo, o proxecto vitivinícola impulsado por Roberto Verino a principios dos anos 90 aos pés do Castelo de Monterrei, onde coñeceu a evolución da adega, os seus viñedos e os seus proxectos de futuro.
Durante a visita, Menor destacou o papel que desempeña o sector vitivinícola como “un dos grandes embaixadores da provincia”, pola súa capacidade para xerar actividade económica no rural e, ao mesmo tempo, contribuír á conservación da paisaxe, á promoción turística e á proxección exterior da marca Ourense.
O presidente provincial puxo en valor especialmente o carácter pioneiro de Gargalo na transformación experimentada pola viticultura de Monterrei nas últimas décadas, apostando desde os seus inicios pola calidade e polo potencial das variedades autóctonas. A adega reivindica o seu papel, xunto ás explotacións tradicionais existentes, no impulso que contribuíu á configuración da actual Denominación de Orixe.
“Gargalo demostra a capacidade de Ourense para transformar aquilo que nos fai diferentes —o territorio, as variedades autóctonas, a paisaxe e a nosa historia— en calidade, innovación e produtos de alto valor engadido”, sinalou Luis Menor, quen tamén recoñeceu a traxectoria de Roberto Verino e a súa permanente vinculación coa provincia.
Neste sentido, Menor destacou o potencial que ofrece Monterrei para seguir avanzando na conexión entre viño, patrimonio, gastronomía e turismo, aproveitando activos singulares como a propia fortaleza e as adegas da contorna.
Pola súa banda, Roberto Verino trasladou a vontade de converter Gargalo nun “escaparate de Monterrei” que contribúa a divulgar os valores dos seus viños e dun territorio cunha longa tradición vitivinícola.

