Os nacionalistas esixen ao alcalde que promova unha política baseada na equidade, evitando que continúen realizándose controis exhaustivos a uns negocios do sector, mentres que noutros se realizan de forma máis laxa
“A masificación e os problemas que se rexistran nas noites de verán son consecuencia da aposta do PP por este tipo de turismo, polo que debe haber unha maior implicación por parte do Goberno local á hora de buscar solucións axeitadas para todas as partes”, sinala o Bloque
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte da necesidade de que o Concello busque fórmulas para garantir o descanso de calidade e a continuidade do lecer nocturno, dentro duns parámetros que se manteñan dentro da normativa e que satisfagan a todas as partes, a base dunha política baseada na equidade e no equilibro. A demanda realizada polos nacionalistas vén motivada pola inquedanza e o malestar que existe tanto entre profesionais do sector como de veciños e veciñas, que ven como, un verán máis, as noites da tempada estival están sendo motivo de polémica. “O Goberno do Partido Popular debe actuar dunha vez por todas para garantir un equilibro que sirva para garantir o descanso da veciñanza, e que tamén buscan moitos visitantes, e o lecer nocturno”, indica o Bloque.
Para iso, tal e como apuntan desde o grupo da oposición, o alcalde, Telmo Martín, está na obriga de actuar con equidade e igualdade á hora de xestionar os controis dos locais nocturnos. “Non pode ser que uns negocios se vexan sometidos a este tipo de controis de maneira exhaustiva, mentres que con outros negocios e eventos se actúa de xeito máis laxo, pese a ter constatado que o nivel de ruído en plena noite supón unhna molestia para moitas persoas”, advirte o BNG, que insta ao Partido Popular a que “actúe con seriedade”. Neste aspecto, tal e como apuntan os nacionalistas, “hai que lembrar que este modelo turístico baseado na masificación e na ‘movida’ nocturna foi promovido polo propio Telmo Martín, polo que agora é de xustiza que garanta ese equilibro tan necesario”. Iso si, un ano máis, a capacidade de reacción do Goberno do PP volve quedar en evidencia, xa que “esta é unha problemática que non é nova precisamente, pero o verán entra na súa fase final e os problemas seguen aí pola inacción do alcalde”.
Por outra banda, o Grupo Municipal do BNG de Sanxenxo volve a amosar a súa preocupación pola saturación de tráfico e a falta de aparcamento existente no municipio, cuestión que volveu a quedar patente nas últimas semanas. “A falta de espazos para estacionar é un mal endémico ante o que o Concello amosa unha falta de recursos preocupante. Non basta con cambiar o tráfico a última hora en rúas do centro ou en poñer unha liña azul que só provoca confusión e malestar entre veciños, profesionais de diferentes sectores e visitantes”, indica o Bloque. Os atascos quilométricos na Rúa Progreso ou na entrada a Portonovo seguen a ser protagonistas nesta tempada estival, co agravante da ausencia de axentes da Policía Local para tratar de controlar este problema. “O incremento da poboación que experimenta Sanxenxo no verán fai que xurdan estas problemáticas, pero non é menos certo que moitas delas poderían ser, como mínimo, paliadas, se o Goberno local actuase con máis previsión e con maior capacidade de xestión”, conclúen os nacionalistas.

