O Concello de Salceda de Caselas impartirá un curso gratuíto de introdución á lingua e cultura galegas promovido pola Rede de Dinamización Lingüística

Redacción

Trátase dun curso de 20 horas de formación homologado pola Xunta de Galicia, polo que as persoas que o superen recibirán un diploma oficial expedido pola Xunta De Galicia.

Desde o Concello de Salceda, a través da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia, impartirase o Curso de introdución á lingua e cultura galegas entre o 14 e o 30 de setembro de 2026. É un curso presencial,  gratuíto e dirixido a persoas maiores de 16 anos procedentes do exterior que residan en Galicia e que queiran ter un primeiro contacto co galego.

Entre os obxectivos que persegue este curso están fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito; familiarizarse coa fonética galega, aprender palabras e expresións de uso cotián, construír frases sinxelas, practicar diálogos básicos e introducir aspectos culturais e lingüísticos que axuden a contextualizar o noso idioma. Ademais, a realización deste curso pode supor unha boa base para, posteriormente, optar a un certificado oficial de lingua galega do que poderán obter toda a información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.

A actividade desenvolverase na Casa do Concello os días 14, 15, 18, 21, 22, 25, 28 e 29 de setembro en horario de 10:00 a 12:30 horas, cun total de 20 horas de formación.

As persoas interesadas en participar neste curso só teñen que inscribirse a través dunha instancia xeral no Rexistro do Concello de Salceda de Caselas  ou en www.salcedadecaselas.sedelectronica.gal  

As prazas son limitadas e a inscrición permanecerá aberta ata a primeira semana de setembro. Aquelas persoas que teñan dúbidas relacionadas co curso ou coa inscrición poden contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello a través do enderezo galego@salcedadecaselas.gal

Comparte este artigo