Montse Prado reclama ao Goberno do PP que respecte o acordo do Parlamento de 2016 e restitúa o curso normal das augas ante esta nova agresión ambiental
O BNG quere denunciar a realización dunha represa a base de terra e pedras no río Umia, á altura do lugar de Cabanelas, que impide o normal discorrer das augas cun auténtico empedrado que ocupa todo o ancho do río con máis de 20 metros de longo, segundo comprobou in situ a deputada Montse Prado, acompañada dos portavoces municipais de Cambados e Ribadumia, Liso González Roma e Vanesa Fariña, respectivamente.
Tal e como puideron constatar os representantes do Bloque, no lugar atópase un cartaz que describe a actuación como “Obras de reconstrución dunha represa existente no río Umia” no lugar de Cabanelas, constando como promotor Xestión Técnica da Auga da Toxa S.A., empresa privada que xa tentou levantar esta represa noutras ocasións.
Como obxectivo consta “evitar a salinización das augas do río Umia captadas para o abastecemento de auga potábel e manter a compatibilidade cos usos recreativos do río e co porteo manual de piraguas”, cando todo o mundo sabe -denuncia o BNG- que o obxectivo fundamental é captar auga para o campo de golf.
A formación nacionalista considera “irracional e incomprensible” a autorización para esta represa, xa que na actualidade A Toxa está unida á rede principal de abastecemento provinte dos depósitos e da potabilizadora de Tremoedo, auga que abastece á Mancomunidade do Salnés, incluído o concello do Grove.
Por iso, o BNG quere mostrar a súa “total desconformidade” con esta actuación, xa que carece de xustificación algunha, nin desde o punto de vista da necesidade de subministro -posto que os concellos do Salnés captan a maior parte da auga que consumen no río Umia no lugar de Ponte Arnelas, auga que, tras pasar pola depuradora situada en Treviscoso, se distribúe aos diferentes concellos, contando o concello do Grove con tubaxe propia-, nin desde o punto de vista do impacto ambiental sobre o ecosistema do Umia.
O Bloque advirte que esta represa representa un obstáculo, en algúns casos insalvábel, para determinadas especies de peixes, impide a normal distribución dos mesmos, e sen dubida vai carrexar problemas no seu ciclo reprodutivo ao ser incapaces de remontar o río e chegar a lugares apropiados para a cría.
Unha “agresión medioambiental inxustificable”, incide Prado, á que hai que sumar o risco río arriba, sobre todo na parroquia de Oubiña, de posíbeis inundacións en canto cheguen as choivas.
A formación nacionalista recorda que cando esta empresa tentou construír en 2016 a mesma represa neste lugar, o Parlamento galego aprobou por unanimidade o 4 de marzo dese ano un acordo a iniciativa do BNG no que se instaba textualmente ao Goberno galego a “que busque outras alternativas para o subministro de auga á illa da Toxa, se non é suficiente o subministro que chega ao concello do Grove a traveso do subministro público”.
É unha evidencia que o PP e a Xunta de Galiza, non tomaron a serio o acordo e non están a realizar a labor de vixilancia e protección do Umia, denuncia a deputada nacionalista, quen advirte que “non se pode permitir unha afectación máis sobre o ecosistema do Umia, un dos ríos galegos máis maltratados, que xa padece múltiples agresión medioambientais, e do que se abastece gran parte da poboación do Salnés”.
Neste contexto, o BNG reitera a súa oposición a esta actuación e avanza que presentará novas iniciativas parlamentarias para instar ao Goberno galego a cumprir o acordo acadado por unanimidade na Cámara o 4 de marzo de 2016 para buscar outras alternativas para o subministro de auga á illa da Toxa, se non é suficiente o subministro que chega ao concello do Grove a traveso do subministro público.
Así mesmo, insta ao Executivo a proceder de inmediato a restituír o curso normal do río Umia e, polo tanto, a eliminar a represa construída no mesmo á altura de Cabanelas que imposibilita o discorrer das augas e que supón unha nova agresión inxustificada sobre o mesmo.
Por último, a iniciativa nacionalista reclama á Xunta a presentación dun informe no Parlamento con todas as actuacións realizadas, os seus custes e resultados, no río Umia, en especial do Plan de xestión Integral para a bacía do río Umia, “Plan Umia”.

