- A iniciativa conta cun investimento autonómico de 455.000 euros e beneficia a 20 persoas en situación de desemprego.
- O programa combina nove meses de formación teórica e práctica remunerada nas especialidades ambiental e dixital.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou este xoves xunto ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os obradoiros duais de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un proxecto no que 20 persoas en situación de desemprego se forman e traballan desde o pasado mes de xullo para mellorar a súa inserción laboral.
Durante a súa visita ao municipio, na que estivo acompañado tamén pola concelleira de Emprego e o concelleiro de Medio Ambiente, o responsable autonómico puido coñecer de primeira man o avance das dúas liñas de actuación que forman parte deste programa de nove meses de duración: a ambiental e a dixital. Puido tamén falar cos seus participantes, como Carmen, que con 61 anos está a aprender un novo oficio, ou Cristal, que ve xa na programación o seu futuro profesional.
Así, por unha banda, comprobaron os traballos do alumnado da especialidade de conservación e mellora de montes, que realiza tarefas de limpeza de camiños, mantemento de drenaxes e prevención de incendios en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Pola outra, visitou o módulo tecnolóxico, onde dez participantes avanzan no desenvolvemento dunha nova aplicación web municipal deseñada para axilizar a comunicación entre a veciñanza e o Concello.
O conselleiro destacou o compromiso da Xunta de Galicia co apoio ao emprego local e salientou a importancia deste tipo de obradoiros duais, que combinan a formación teórica coa práctica profesional remunerada. Pola súa parte, o alcalde agradeceu a visita institucional e reafirmou o impacto positivo destas iniciativas, que permiten actualizar os servizos municipais e coidar o contorno natural do Porriño ao tempo que se ofrecen novas oportunidades laborais aos veciños.
“Este obradoiro engloba todo, ou case todo o que queremos para O Porriño: formación, emprego, mocidade, coidado das nosas parroquias, avance tecnolóxico do noso concello, atención á cidadanía”, explicou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.
No caso do Porriño, o conselleiro salientou que o investimento autonómico rolda os 455.000 euros.
Convocatoria 2026-2027
González aproveitou a visita para poñer de relevo as novidades da última convocatoria de obradoiros duais de emprego, como a reserva dunha parte do orzamento para accións que impartan certificados profesionais da familia profesional agraria e da de seguridade e medio ambiente relacionadas coa prevención e a extinción de incendios forestais. Así mesmo, valóranse os proxectos que realicen actuacións relacionadas coa prevención de lumes e restauración dos territorios afectados por incendios forestais en 2025.
A maiores, refórzase a aposta pola formación práctica, increméntanse os incentivos ás empresas por persoa inseridaunha vez rematado o obradoiro e inclúese un novo incentivo para os municipios promotores por cada persoa que resulte contratada.
Cabe engadir que o obradoiro dual de emprego O Porriño Eco-Necta enmárcase no conxunto duns cen que se impulsarán co apoio da Xunta entre este ano 2026 e o 2027, coa previsión de beneficiar a unhas 2.000 persoas.

