A Xunta denuncia que o Goberno Central busca unha recentralización das competencias sobre a xestión do litoral coa reforma do regulamento de Costas

Redacción
  • Ángeles Vázquez advirte de que á modificación do regulamento, que prevé cambios moi graves con relación ás concesións, súmase un novo intento do Goberno central de cambiar o marco normativo en materia de litoral para ampliar a liña de deslinde do dominio público o que podería afectar a máis de 2.500 edificacións costeiras en Galicia
  • Lamenta que, unha vez máis, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico intente cambiar as regras do xogo de xeito unilateral, sen contar coas comunidades autónomas e pola porta de atrás
  • Apela a acometer unha reforma da Lei de Costas debatida no Congreso, consensuada coas comunidades autónomas e elaborada en base a criterios técnicos, rigorosos e diferenciados segundo o tipo de litoral
  • Pon en valor a pluralidade do Foro do Litoral e salienta a importancia de seguir traballando unidos e achegando coñecemento técnico para optimizar a xestión e ordenación da costa galega

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, denunciou hoxe que o Goberno central busca unha recentralización das competencias en materia de xestión do litoral a través do proxecto de real decreto de medidas de xestión de risco de inundacións, que introduce unha nova modificación do regulamento Xeral de Costas.

Durante a súa intervención no pleno extraordinario do Foro do Litoral de Galicia, Ángeles Vázquez lamentou que, unha vez máis, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico intente, de xeito unilateral, “sen contar coas comunidades autónomas” e pola porta de atrás modificar o Regulamento de Costas.

En concreto, a conselleira sinalou que esta nova modificación que pretende introducir o Goberno central a través do proxecto de Real decreto polo que se adoptan medidas para a xestión dos riscos de inundación modifica un criterio técnico moi relevante do regulamento de costas. Segundo explicou Ángeles Vázquez, ata o momento esixíase que o mar alcanzase unha determinada cota de maneira recorrente -un mínimo de 5 veces en 5 anos-, mentres que agora preténdese substituír ese criterio pola máxima onda rexistrada nun momento concreto para fixar a liña de deslinde do dominio público marítimo-terrestre (DPMT).

Este cambio tería un importante impacto no litoral galego xa que pola súa configuración costeira aplicar criterios extremos podería incorporar ao DPMT zonas urbanas consolidadas e complicar a xestión de portos, lonxas, almacéns e accesos. Así mesmo, esta reforma podería afectar a unhas 2.500 edificacións, segundo estimacións da Xunta.

Cómpre lembrar que o Goberno central xa estaba a tramitar unha modificación do Regulamento de Costas, pola cal, pretende endurecer o réxime de concesións co pretexto de axustarse á Directiva de Servizos, cando, en realidade, o que establece a Comisión Europea é que hai que procurar a máxima transparencia no seu outorgamento, pero non a retirada das concesións en DPMT.

A proposta do Goberno central introduce cambios moi graves xa que permitiría revisar prórrogas xa concedidas, denegar outras solicitadas conforme á normativa vixente, eliminar a figura das prórrogas extraordinarias e mesmo modificar de oficio concesións xa outorgadas para reducir a súa duración. A modificación destas condicións suporía introducir unha enorme inseguridade xurídica para empresas, confrarías, depuradoras, instalacións industriais, concellos e tamén para moitas entidades que prestan servizos públicos no litoral.

A conselleira incidiu en que Galicia non discute a protección do litoral, senón que defende unha protección con sentido. Nesa liña, lembrou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia establece unha tripla perspectiva -ambiental, social e económica- para garantir a conservación e o desenvolvemento sostible da costa.

Nese senso, defendeu que a protección ambiental debe ir da man dunha actividade económica sostible, pero non se pode utilizar esa protección como escusa para introducir  restricións que van moito máis alá do que pide Europa e que poñen en risco actividades plenamente legais e consolidadas.

Ángeles Vázquez fixo fincapé en que hai outro xeito de facer as cousas e apelou a acometer unha reforma da Lei de Costas debatida no Congreso, consensuada coas comunidades autónomas e elaborada en base a criterios técnicos, rigorosos e diferenciados segundo o tipo de litoral.

Foro do Litoral de Galicia

Nesa liña, a conselleira puxo en valor a pluralidade do Foro do Litoral que se reuniu hoxe e do que forman parte administracións, sectores produtivos, entidades sociais e profesionais co fin de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral.

Así, durante a súa intervención, Ángeles Vázquez salientou a importancia de seguir “traballando unidos” e achegando coñecemento técnico para optimizar a xestión e ordenación da costa galega. De feito, na reunión celebrada hoxe por este órgano colexiado de consulta acordouse a constitución de grupos de traballo para facer avaliacións de temas concretos, relativos a actuacións estratéxicas que teñen lugar no litoral.

Comparte este artigo