- O torneo terá lugar o sábado 12 de setembro de 2026 na Casa Cultural de Gulans
O concello de Ponteareas prepárase para acoller unha das citas máis agardadas polos afeccionados aos xogos de estratexia: o II Campionato de Dominó por Parexas Concello de Ponteareas. O evento, que se disputará este sábado 12 de setembro a partir das 11:00 horas na Casa Cultural de Guláns, promete converter o municipio no epicentro do dominó autonómico, xa que entre os participantes estarán as mellores parellas de Galicia.
O campionato desenvolverase baixo o sistema suízo a un total de 6 partidas (tres en quenda de mañá e tres pola tarde), onde as parellas competirán por alcanzar os 300 puntos ou esgotar os 50 minutos estipulados por rolda. A organización, que corre a cargo da Asociación Chantada Corazón de Galicia, coa colaboración do Concello de Ponteareas, deseñou un atractivo cadro de premios que inclúe maís de 500 euros en dotacións económicas e os prestixiosos trofeos do Concello, destacando ademais un galardón especial de 100 euros para a mellor parella clasificada da comarca do Condado-Paradanta.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, destacou o valor competitivo e o esforzo mental que require esta práctica. “O dominó é moito máis ca un pasatempo, esixe concentración, compenetración absoluta coa parella e unha gran capacidade estratéxica. Desde o concello “seguimos apoiando todas as modalidades que promovan un estilo de vida activo, o respecto e a convivencia entre participantes de diferentes idades”, apuntou González.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, amosou o orgullo que supón para a vila apoiar iniciativas que fortalecen o tecido asociativo e as tradicións de lecer. “Este campionato é un claro exemplo de que Ponteareas aposta por un dinamismo que une identidade, veciñanza e cultura. Queremos que a Casa Cultural de Guláns sexa un punto de encontro onde a xente desfrute, comparta experiencias e manteña vivas estas disciplinas de mesa que forman parte da nosa vida social”, sinalou a rexedora.
A inscrición mantense aberta cun prezo de 40 euros por xogador, tarifa que inclúe o xantar para os participantes na propia xornada. As persoas interesadas en formar parte da competición, cuxas prazas son limitadas para garantir o correcto desenvolvemento das quendas, poden poñerse en contacto cos coordinadores do evento (Rafa, Moisés ou Ángel) a través dos teléfonos 615028909, 659517840 ou 665983115. A xornada finalizará arredor das 19:00 horas coa correspondente entrega de premios.

