● Alberto Acuña critica que o goberno socialista tardase anos en presentar unha documentación que o PP reclamou en numerosas ocasión para defender ás 262 familias prexudicadas polo Executivo central
● Os populares lembran que a última palabra sobre a rectificación do deslinde corresponde en exclusiva ao Goberno de Pedro Sánchez e acusan ao alcalde de enlear falsamento o reparto real de competencias
O Partido Popular de Vilaboa considera positivo que o Concello presente finalmente a documentación necesaria para intentar resolver a situación das 262 vivendas afectadas pola servidume de protección da Lei de Costas, pero advirte de que o alcalde César Poza e o goberno municipal están a desinformar aos afectados vendendo como unha solución definitiva o que, polo momento, é unicamente unha solicitude administrativa pendente de ser aceptada e resolta por Costas do Estado.
O portavoz municipal do PP, Alberto Acuña, lamenta que o goberno local tardase tantos anos en actuar ante un problema que mantén numerosas familias nunha situación de inseguridade xurídica desde a aprobación do deslinde de 1997.
“Estamos ante un paso necesario, pero que chega moi tarde. Durante anos reclamamos en numerosas ocasións que o Concello puxese enriba da mesa a documentación urbanística, os antecedentes e os informes técnicos necesarios para defender os propietarios. Agora non poden presentar unha petición como se o problema xa estivese definitivamente resolto”, afirma Acuña.
O PP sostén que, se o Concello considera que o deslinde non tivo en conta correctamente a realidade urbanística existente en 1988, debería ter promovido esta actuación moito antes, especialmente tendo en conta as ordes de demolición, os procedementos xudiciais e a inseguridade padecida polos propietarios. Alberto Acuña subliña que a transferencia á Xunta de Galicia de determinadas funcións de ordenación e xestión do litoral non incluíu a competencia para aprobar ou rectificar os deslindes do dominio público marítimo-terrestre.
“A Xunta pode colaborar, informar sobre a realidade urbanística e exercer as funcións que lle foron transferidas, pero quen debe aceptar, tramitar e resolver a rectificación é Costas do Estado. Intentar introducir agora confusión, intentando sinalar de maneira indirecta á Xunta, sobre as competencias só serve para desviar a atención da Administración que ten que tomar a decisión”, explica o portavoz popular.
Para Acuña, resulta especialmente significativo que o goberno de Vilaboa anuncie unha posible solución sen concretar se a Demarcación de Costas xa acordou incoar formalmente o expediente, que prazo manexa para resolvelo ou que resposta pode ofrecerse ás 93 vivendas construídas con posterioridade á entrada en vigor da Lei de Costas.
Apoio ás familias, transferencia e calendario concreto
O Partido Popular anunciou que apoiará todas as actuacións legalmente viables que permitan reducir a servidume, rectificar o deslinde e proporcionar seguridade xurídica ás familias. Porén, reclama que o alcalde deixe de presentar expectativas como feitos consumados e informe con transparencia sobre o estado real do procedemento.
Por todo isto, solicítaselle ao goberno local que publique ou facilite aos grupos municipais o informe técnico completo remitido a Costas, que aclare a data e o organismo ante o que se rexistrou a solicitude, que informe se Costas do Estado acordou xa iniciar o expediente de rectificación, que solicite unha reunión urxente coa Demarcación de Costas, coa participación dos representantes dos afectados, que estableza un calendario de seguimento e informe periodicamente aos propietarios e que analice individualmente a situación das 262 vivendas e a posible responsabilidade derivada das licenzas municipais concedidas.
“Non queremos utilizar este asunto para confrontar entre administracións. Queremos que cada unha asuma a súa responsabilidade. A Xunta debe colaborar, o Concello debe acreditar correctamente a realidade urbanística e Costas do Estado debe resolver. Despois de case trinta anos, os veciños merecen certezas, non propaganda nin confusión competencial”, conclúe Alberto Acuña.

