As nacionalistas denuncian o acopio de materiais, valados tirados e a falta de sinalización que están a xerar malestar entre a veciñanza da Caeira
O BNG de Poio critica a situación nas obras da rúa Río Oitavén da Caeira durante o parón vacacional, cunha importante presenza de materiais almacenados na vía, elementos de protección e valados tirados e deficiencias na sinalización da zona. Para a agrupación nacionalista esta situación evidencia a “falta de coordinación entre o goberno local e a empresa responsable dos traballos”, que está a provocar molestias e inseguridade entre as persoas residentes.
“O problema non é que haxa obras, que son necesarias, senón como se xestionan e como se deixa a zona cando os traballos paran”, sinala a voceira Marga Caldas, que considera especialmente preocupante que durante este período de menor actividade o goberno de Moldes non adopte as medidas necesarias para garantir que o espazo quede correctamente acondicionado, sinalizado e seguro para a veciñanza.
A nacionalista subliña que a actuación na rúa Oitavén “é unha obra que vai mellorar notablemente a contorna e a calidade de vida da veciñanza, mais precisamente por iso non se entende que se permita que durante semanas a zona permaneza nestas condicións”. “Unha actuación desta envergadura require planificación, organización e, sobre todo, supervisión por parte do Concello” , sinala o BNG, que destaca que se producen decotío situacións de perigo para as persoas que circulan pola zona e incluso tamén para os vehículos.
O Bloque considera que o que está a acontecer na Caeira non é un feito illado, senón “un exemplo máis da forma de executar as obras por parte do goberno do PP de Poio”, ao que acusa de manter un “total desleixo” nas tarefas de supervisión e fiscalización dos traballos. “As obras co PP traen inseguridade”, subliña Caldas, que reclama ao goberno local que exerza as súas responsabilidades e non se limite a anunciar e inaugurar proxectos, senón que tamén garanta que a súa execución se desenvolve nas condicións adecuadas.
O BNG advirte ademais de que, se non se produce unha intervención municipal, é probable que esta situación se manteña durante o que resta do parón estival até a recuperación da actividade prevista para setembro. “Parece que o PP só vixiaba as obras cando estaba na oposición, porque agora o esquecemento é total”, ironizan desde o BNG.

