O Porriño acolle o roteiro natural Entre Muiños e Fragas

Redacción

Encádrase dentro da iniciativa “Un Río, Dous Países, 10 Experiencias”,

O vindeiro sábado 19 de setembro, O Porriño será o escenario do roteiro a pé de montaña “Entre muíños e fragas”, unha experiencia circular de dificultade moderada que convida a descubrir a transformación da paisaxe local, dende os usos tradicionais do territorio ata a configuración dos espazos periurbanos actuais. A actividade arrancará ás 9:30 horas e contará cun percorrido de 24,5 quilómetros e 907 metros de desnivel positivo, cunha duración aproximada de entre 6 e 7 horas.

Ao longo do itinerario, de gran interese ambiental e etnográfico, os participantes coñecerán os antigos aproveitamentos dos cursos fluviais e a importancia histórica dos muíños na economía e na vida local. Trátase dunha actividade de carácter gratuíto que inclúe visita guiada e seguros de accidentes e responsabilidade civil. O cupo está limitado a un máximo de 25 persoas, e a localización exacta do punto de encontro comunicarase por correo electrónico aos inscritos uns días antes. Recomendase acudir con calzado e roupa cómoda, protección solar, polo menos un litro de auga e algo de comida para a caminata.

No caso da ruta Entre muíños e fragas, encádrase dentro da iniciativa “Un Río, Dous Países, 10 Experiencias”, un amplo programa deseñado para dar a coñecer o territorio transfronteirizo do Río Miño a través da súa natureza, historia e paisaxe entre os meses de xuño, setembro e outubro. O calendario de experiencias continuará durante todo o mes con propostas coma a “Ruta das pesqueiras do Río Miño” (5 de setembro), o descenso polo río Tea (6 de setembro), a “Ruta da Serra da Arga” (12 de setembro), o descenso polos ríos Vez e Lima (13 de setembro), a “Ruta balnearia transfronteiriza” (20 de setembro), os “Camiños da fe e da montaña” (26 de setembro) e a ruta por “Corno do Bico” (27 de setembro).

Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden visitar a web oficial (visitriominho.eu/caminhadas) ou contactar co equipo de organización no correo actividades@voltamontana.com e no teléfono 623 92 03 32.

Comparte este artigo