O concello de Redondela mantén a súa preocupación polas incidencias no transporte escolar e insta á Xunta a unha solución urxente para todo o alumnado

Redacción

– O Concello lamenta a falta de previsión que marcou o inicio do servizo, xa que os centros de ensino de Redondela recibiron a comunicación oficial do cambio de empresa adxudicataria o día antes de comezar o curso escolar, o que limitou notablemente a marxe de manobra e coordinación inicial para todas as partes implicadas.

 A alcaldesa, Digna Rivas, xa solicitou formalmente información á Dirección Xeral de Mobilidade sobre a frota de autobuses e as prazas dispoñibles para o alumnado de Redondela. O Goberno local agradece o enorme esforzo e colaboración dos equipos directivos e das ANPAs para reconducir as dificultades organizativas iniciais.

Redondela, 14 de setembro de 2026. O Concello de Redondela manifestou hoxe a súa preocupación pola situación do transporte escolar no municipio, despois de comprobar que este mesmo luns volveron rexistrarse algunhas incidencias no servizo. O Goberno local advirte que, a pesar dos esforzos realizados nos últimos días, aínda seguen a producirse desaxustes que afectan á normalidade das familias no arranque desta segunda semana de curso.

Dende o Concello laméntase a falta de previsión que marcou o inicio do servizo, apuntando que os centros de ensino de Redondela recibiron a comunicación oficial do cambio de empresa adxudicataria o día antes de comezar o curso escolar, o que limitou notablemente a marxe de manobra e coordinación inicial para todas as partes implicadas.

Ante esta situación, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas Gómez, xa remitiu un escrito oficial dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade no que solicita “información detallada” sobre o número de autocares e matrículas adscritos ás rutas, as súas prazas dispoñibles e a posibilidade de que estas sexan empregadas por alumnado de Bacharelato ou FP Superior. O obxectivo desta petición é dispoñer de datos adecuados sobre as necesidades reais do municipio para colaborar na boa execución do servizo ao amparo da normativa vixente.

O Goberno municipal quixo facer un recoñecemento público e agradecer o labor fundamental das direccións dos centros escolares e das ANPAs de Redondela. A súa implicación nestas primeiras xornadas resultou clave para axudar a emendar os problemas sobre o terreo. O executivo local amosa o seu total apoio ás familias que se viron afectadas por estes desaxustes estruturais e confía en que a administración autonómica e a nova empresa concesionaria subsanen con celeridade os problemas que aínda persisten para garantir un servizo óptimo, estable e seguro en todas as rutas do municipio.

Comparte este artigo